Site icon Crónica3.com A Mariña

Dezaséis clubes xa confirmaron a súa presenza no Heroes do Orzán 2016

familia-memorial1530 de maio de 2016.- A quinta edición do Torneo de Fútbol Sala Base ‘Memorial Rodrigo Maseda Lozano, Javier López López e José Antonio Villamor Vázquez’ volta á palestra veraniega con máis forza que nunca. A falta dunha semana para que se peche o prazo de inscrición, un total de dezaséis clubes xa confirmaron que estarán no Heroes do Orzán 2016, que se disputará entre o 29 de xuño e o 3 de xullo entre as sedes da Mariña e A Coruña.

Xunto á presenza xa habitual do madrileño UD Las Rozas Boadilla, o asturiano EFS Siero ou o pucelano CD Tierno Galván FS, desde Valladolid estréase o CD Laguna FS. O Memorial tamén contará con participación das catro provincias galegas: os coruñeses Cidade de Narón, Hércules A Coruña FS e Troula Betanzos FS; o ourensán EDC Celanova ou os pontevedreses Randufe Futsal e Leis Pontevedra; Lugo estará representado por Os Meigallos FS, de Sarria, ademáis de cinco clubes mariñaos, Cidade de Viveiro, ACD Xove, AFD Porto de Burela, Castrelo FS e CD Burela FS. Todos terán cabida na sede A Mariña entre as categorías prebenxamín, benxamín, alevín, infantil, cadete e xuvenil, distribuídas por Burela, Foz, Cervo, Xove e Viveiro.

A cidade da Coruña estréase en 2016 no Memorial con categorías que tamén debutan na cita, Sub-16 e Sub-19 Feminino, nos pavillóns Novo Mesoiro e Ventorrillo.

Inscrición aberta
Ata o luns 6 de xuño os equipos que así o desexen poderán formalizar a súa inscrición para o Memorial, unha cita na que xunto á emoción sobre a pista, os equipos participantes poderán disfrutar dunha ampla programación lúdica-deportiva complementaria. Na Coruña, a competición desenvolverase entre o xoves 30 e o sábado 2; na Mariña dilatarase ata o domingo 3.

Exit mobile version