Site icon Crónica3.com A Mariña

Elena Candia asegura que as melloras introducidas polo PP aos Orzamentos melloran as posibilidades da provincia e blindan a súa execución

Lugo, 18 de maio de 2016.- A voceira do Grupo Provincial do PP, Elena Candia, asegura que as melloras introducidas polo PP vía reclamacións aos Presupostos da Deputación melloran as posibilidades da provincia e blindan a súa execución tal e como van ser aprobados.

Coas modificacións dos populares, a provincia contará cuns Orzamentos que incorporan un reparto máis xusto e equilibrado e dunha maior contía para que todos os concellos podan ver atendidas as súas necesidades básicas.

Candia advirte que se o presidente da Deputación “sorprende con algunha maniobra das súas” os populares levarán o Presuposto ao Pleno en 48 horas para a súa aprobación definitiva. “Terá que explicar entón por que bloquea a execución dun Presupostos polo que agardan todos os concellos da provincia, as entidades sociais e o tecido económico”, engade.

A popular sostén que os informes técnicos e xurídicos avalan a aprobación das reclamacións do PP, polo que a súa estimación e adhesión ao Presuposto garantirá o seu cumprimento e non que poida ser papel mollado “como xa nos teñen acostumado os socialistas”. Así, citou o exemplo do investimento que ía ser destinado ao polideportivo de Portomarín e que logo os dirixentes da Deputación decidiron cambiar ou o plan de obras aprobado por Orozco a petición do PP que nunca chegou a materializarse.

A popular defende que coas achegas do Grupo Provincial do PP os Orzamentos non se verán modificados de xeito unilateral polo bipartito senón que será unha garantía de que se cumpran os compromisos coa provincia.

Mecanismos que garantan o destino dos recursos
Candia expresou a necesidade de contar cos mecanismos que garantan que se cumpre co Presuposto aprobado pola maioría da Corporación. Explicou ademais que as reclamacións feitas polo PP cumpren coa legalidade, tal e como se precisa nos informes técnicos: as emendas (…) non presentan ningún incumprimento ou circunstancia que conlevara a informarse de xeito negativo por parte dos servizos xurídicos e de Intervención.

“O que imos garantir é que teñamos os mecanismos que garantan que o diñeiro público chegue ao destino que nos demandan os lucenses e se non quere enterarse que está en minoría intentaremos que impere o sentido común”, conclúe.

Exit mobile version