Site icon Crónica3.com A Mariña

Elena Candia: “Se os membros do bipartito aplauden por retiralo é que non queren os Orzamentos”

Lugo, 19 de maio de 2016.- A voceira do Grupo Provincial do PP, Elena Candia, afirma que “se os membros do Goberno bipartito na Deputación aplauden por retiralo é que non queren Orzamentos, pero como non teñen maioría imos obrigalos, sempre respectando a Lei, a que esta institución teña Orzamentos”. Así o demostrou no Pleno deste martes o alcalde de Pol coas súas manifestacións cando o presidente confirmou que se retiraban as contas provinciais.

“Déixame moi preocupada que un deputado aplauda porque se retiren os Orzamentos e tamén tranquila porque evidencia que non os queren aprobar e que os puideron traer xa en outubro e en novembro e os traen en marzo obrigados e hoxe buscan a última desculpa para retiralos. Pero as desculpan estánselles acabando”, esgrime Candia. Indica ademais que ao señor Darío Campos a institución lle queda moi grande ,“pero non podemos seguir sendo vítimas da súa incapacidade e da súa falla de vontade para resolver. Del dependerá votalo a favor ou seguir obstaculizando esta provincia”, critica a popular.

Á saída da sesión plenaria a voceira do PP avanzou que esta mesma mañá presentará a solicitude dun Pleno extraordinario para aprobar o documento mellorado coas reclamacións que os populares sacaron adiante hoxe. Anunciou ademais que se aproveitará para someter a votación o Plan de Obras e Servizos (POS).

Candia lamentou a postura do presidente que “amparado nunha actitude vitimista trata de botarlle a culpa a todo o mundo cando hoxe tivo a oportunidade de que os Orzamentos quedaron aprobados de xeito definitivo e cunhas reclamacións que melloraban as contas de xeito substancial”. A falla de interese do bipartito por aprobar o Orzamento evidénciase ademais, engade, na “suave defensa que fixo da súa postura a deputada de Economía”.

A popular explicou que o seu grupo non vai consentir que a institución siga sen orzamentos, sobre todo cando hoxe se acadou un documento mellorado co apoio de 13 deputados para que todas as modificacións orzamentarias, a partir de agora, as acorde o pleno e que as subvencións se fagan con consenso por parte de todos os grupos políticos.

En definitiva, precisa, mecanismos que garanten que o diñeiro que vai asignado aos Orzamentos se destina a eses fins. Candia insistiu en que é o presidente coa súa actitude o que nega que a provincia teña Orzamentos, polo que o convida a convocar ese novo pleno “o antes posible”. “Teremos un documento aprobado no prazo de dúas semanas como moito”, conclúe.

O Grupo Provincial do PP pide no seu escrito que volva ao pleno o texto aprobado en marzo coas melloras incorporadas hoxe con dúas modificación nas bases de execución e sumando unha residencia para A Pontenova e a de Becerreá, que xa estaba garantida.

Exit mobile version