Site icon Crónica3.com A Mariña

Fernando Suárez solicita o arranxo das fochancas que hai na A-8 ao seu paso por Ribadeo

Ribadeo, 3 de maio de 2016.- O alcalde, Fernando Suárez, solicita o arranxo das fochancas que hai na A-8 ao seu paso por Ribadeo, antes de proceder á instalación de novos radares na zona.

O rexedor manifestou: “quero poñer en certa cautela e en certa dúbida este método de estar inflando a autovía A-8 ao seu paso pola Mariña de radares. Os medios de comunicación hoxe relatan que van instalar un novo radar aquí, á altura de Ribadeo, na autovía e contrasta que van facer iso cando na propia autovía hai unha chea de auténticas fochancas”.

Suárez Barcia relatou que “eu, como demostración empírica, onte mesmo levei un susto de morte porque indo a velocidades legais co meu vehículo, ao pasar por Ribadeo á altura do cambio de concello, notei un impacto terrible, indicible, impropio dunha autovía do primeiro mundo. Supoño que na transamazónica haberá destas cousas, pero na Europa que vivimos non. Esta situación prodúcese en ámbolos dous sentidos tanto indo para Coruña como indo cara Oviedo”.

O alcalde ribadense dixo que “non pretendo con isto cuestionar a política de seguridade viaria e o acertado dos radares, pero o que non se pode facer é implementar estas medidas sen ter previamente resolto o mantemento ordinario da A-8. Paréceme que se está poñendo o carro antes cos bois e iso non o recomendan nunca”.
Fernando Suárez Barcia engadiu que “primeiro débese facer un arranxo, un mantemento e despois non temos ningún problema en que se arbitren estas novas medidas de seguridade, pero non ao revés”.

Exit mobile version