O primeiro evento realizarase o vindeiro domingo 15 de maio, no Salón de Actos do Centro Sociocultural de Alfoz, e estará organizado pola Asociación Cultural O Castelo en colaboración coa Biblioteca Municipal. Comezará as 18:00 horas cunha conferencia do escritor local Lionel Rexes, onde se falará da figura de Manuel María. De seguido, ás 18:30 horas será a hora dos contos e debuxos para os máis pequenos, a través do programa de dinamización da lectura “Ler Conta Moito” da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, no que o colectivo Polo Correo do Vento presentará unha simpática homenaxe a Manuel María titulada ” O poeta do Miño”, baseada no poema “Proclama ós peixes do Miño” pertencente ao libro “Miño, canle de luz e de néboa”. Posteriormente a ACX O Castelo entregará os premios do certame de debuxo e narración Trilasqui, no que participaron nenos de infantil e primaria.
O martes 17, coincidindo co Día das Letras Galegas terá lugar unha homenaxe a Manuel María, que se celebrará igualmente no Salón de Actos do Centro Sociocultural de Alfoz apartires das 18:00 horas. O evento comezará con lecturas de diferentes poemas do autor homenaxeado. Posteriormente actuarán as Cantareiras de Amado Lar e o Coro Parroquial Virxe das Dores de Ferreira co acompañamento musical de diferentes músicos do Val. A delegación de Cultura do Concello de Alfoz quere agradecer de antemán a colaboración das persoas participantes na lectura e dos grupos protagonistas da actuación pola súa desinteresada participación nesta homenaxe.
Por outra parte, indicar que, o pasado mércores 11 de maio, se reuniu o xurado da fase local dos premios do Certame de Narración e Debuxo das Letras Galegas 2016, organizado pola Biblioteca Municipal de Alfoz. Tras a correspondente deliberación os gañadores na sección de debuxo foron 1º Olalla Rodríguez Fraga, 2º Roi Maseda Mirón e 3º Lidia Expósito Góas e cun accésit para Ana Díaz Fraga todos eles da Categoría A ( ata 8 anos ); na categría B ( de 9 a 11 anos ) os gañadores foron 1º Claudia Martínez García, 2º Ángela García Palmeiro e 3º Gabriela Pedre Lastra; e na categoría C ( de 12 a 16 anos ) a gañadora foi Mª Nazaret Fraga Gonçalves. Respecto á narración, na categoría B ( de 9 a 11 anos ) os gañadores foron 1º Saray Martínez Ramos, 2º Deyanira Barreira Vigo e 3º Mara Otero Palacios; e na categoría C ( de 12 a 16 anos ) a gañadora foi Alba García García. Os gañadores pasarán á fase provincial de cada categoría.