Site icon Crónica3.com A Mariña

FRUGA denuncia que “as políticas neoliberais da UE condenan ao sector lácteo”

Lugo, 19 de maio de 2016. Recentemente ven de se celebrar en Bruxelas unha reunión das autoridades comunitarias (ministros e ministras dos distintos gobernos da UE) para tratar a crise do sector lácteo e as novas que nos envían son totalmente dealentadoras. Demostran mais unha vez a falla de interese, tanto das institucións europeas como do goberno español e galego, por solucionar a grande crise que está a padecer o sector lácteo galego, sector clave para a nosa economía, que de non lle pór solución mesmo pode acabar coa produción de leite en Galiza.

Pese ao comisario de agricultura da UE, Phil Hogan, recoñecer que “a situación é moi grave”, a Comisión Europea limitase a seguir profundizando nas súas políticas de libre mercado, impedindo a intervención pública, o que está a provocar unha sangría nos prezos coa conseguinte desaparición dun importante número de explotacións lácteas. A dia de hoxe en Galiza, xa non chegamos a 9000 as ganderías dedicadas a produción de leite.

Existe grande consenso entre o sector produtor da UE a respecto de cales son as medidas a adoptar. Estas pasan por a UE implementar mecanismos de intervención que permitan regular os prezos, e non por lle pasar a pelota aos estados membros, co único fin de que cada quen poña en practica reducións da produción segundo a súa conveniencia. Se esta redución da produción non se realiza a nivel europeo, somentes conseguiremos que os estados excedentarios transfiran os seus excedentes aos deficitarios, caso do estado español. O que pode implicar que a produción de leite no estado español, e especialmente na Galiza, vexa ameazada a súa supervivencia.

Desde a Federación Rural Galega, demandamos unha intervención clara das administracións, que permita regular a produción, con volúmenes mínimos que permitan vivir do leite, e con prezos dignos que permitan cubrir os custos de produción, redistribuíndo os dereitos de produción entre os estados membros, tendo de conta o balanzo produción-consumo, así como atendendo a criterios sociais e de falta de alternativas produtivas.

Para iso é preciso que tanto o Ministerio como a propia Xunta de Galicia, fagan os seus deberes, por unha banda presionando nas instancias da Unión Europea e por outro lado deseñando un plan estratéxico para o sector lácteo Galego.

Este Plan estratéxico debe ter en conta a necesidade de ir consolidando un gran grupo lácteo galego, como existe noutras partes do estado, contrariamente ao que está sucedendo actualmente no que observamos como se están a multiplicar as iniciativas comercializadoras, que mesmo se poden converter en reinos de taifas enfrontados entre si competindo polo mesmo mercado. O que se necesita é un plan estratéxico que coordine as distintas iniciativas e lles de unha orientación na consecución de maiores volúmenes de litros e na diversificación da produción.

Esperamos que no futuro o goberno galego, empece a tomar o sector lácteo como un asunto de estado, algo clave no futuro deste país, do contrario un importante número de gandeiros e gandeiras galegas, veranse abocados a pechar.

Exit mobile version