Ata alí desprazáronse Gabriel Galante Briones e Francisco Botelho Melo, competindo ambos en arco recurvo. O sábado disputábanse as series clasificatorias, e tras a súa finalización Gabriel colocábase no sexto posto con 631 puntos sobre os 720 de máxima posible, Francisco pola súa banda facíase co posto trinta con 486 puntos. Ambos arqueiros finalizaron as series clasificatorias moi satisfeitos xa que levan algún tempo loitando contra si mesmos para “vencer o medo ao amarelo”, para o que desenvolveron durante todo o mes anterior á competición unha serie de traballos que deron os seus froitos, podendo finalizar a mesma de forma fluída como fora habitual ata o momento no que o inesperado medo ao amarelo fixo acto de presenza, en novembro do ano pasado.
Tras a clasificación, comezaban os sets eliminatorios. Francisco enfrontábase ao representante Vasco, Endika Garcia; terceiro tras as clasificatorias, tres entradas de tres frechas cada un bastáronlle a Endika para derrotar ao arqueiro mariñán por 6 puntos de set a cero. Con todo, Fran saía do enfrontamento con bo sabor de boca xa que aínda que vencido, non foi derrotado, o seu tiro foi fluído, certeiro; pero insuficiente para vencer a Endika que tan só por un punto de set lograba as vitorias.
Gabriel pola súa banda atopábase pletórico notábaselle na súa actitude, a de sempre antes do mal do amarelo. Moi concentrado en todos os seus lanzamentos, foi derrotando un a un a todos os seus adversarios en dezaseisavos e oitavos de final facendo valer a súa experiencia e bo facer logrando vencer por seis a cero aos seus rivais.
O domingo disputábanse cuartos de final. Nesta ocasión, o seu rival, o representante de Castela León, Daniel García, vencía en oitavos de final a Ken Sánchez (segundo nas series clasificatorias). Unha serie de bos lanzamentos fan que tome a vantaxe no primeiro set, sen que deixase a mesma ata a finalización dos tres sets que lle valeron o pase ás finais, resultado 6 a 0 en favor de Gabriel.
A final disputábaa contra o representante balear, Denis Catalin, que en cuartos de final vencía a Enrique Cavanillas (primeiro nas series clasificatorias) na frecha de desempate. A final resultou do máis emocionante xa que ambos os arqueiros fixeron gala dun gran nivel, empatando a 5 puntos de set tras disputar cinco sets, só unha frecha definirá o campión do evento. A máis próxima ao centro será a vencedora e o balear, primeiro en lanzar, logra un nove. Gabriel poucos segundos despois lanza a súa saeta e logra a puntuación máis alta, o 10, e proclámase campión do segundo encontro da liga Nacional de cadetes en aire libre.
Por diante queda un mes para puír a técnica e seguir traballando “a cabeza”. O día 26 de xuño terá lugar o terceiro encontro da liga ao cal acudirán novamente ambos arqueiros con ganas de facerse valer novamente. Será o último test antes do Campionato de España de Cadetes que se celebrará en Salamanca en xullo.