Site icon Crónica3.com A Mariña

Maio florido

“Como a meniña tola/ que sae por vez primeira/ con dengue e muradana/ para a festa do lugar,/así xentil e aposta/ vai vindo a Primaveira,/ guirnalda de craveles,/verquendo ó seu pasar…”( do poema “A Primaveira”, de M. Curros Enriquez).

O rei da primavera é o mes de maio, nome que procede de “Maia”, nai de Mercurio, deus que representa o triunfo da vexetación, o “mes das flores”. En maio remata a sementeira do millo e, cando se facía na última finca dunha casa, poñíase no medio, cravada, unha gran rama de xesta en flor; era “poñer o ramo ó maio”. O mes era saudado pola galanura das súas flores: “ velaí ven o maio cargado de flores; detrás ven San Xoan que as trae mellores…”.

Entramos en maio: é tempo de sol, necesario da auga da chuvia que empuxa o paso da flor ó froito. A maio refírense unha chea de refráns e ditos referidos á bondade da auga: “esperado como auga de maio”, dise cando se anhela algo. Acontece a apoteose florida da vida; escoitanse os últimos cantos do cuco e os primeiros do grilo, pregoeiro do “tempo claro”bó agoiro entre as xentes do rural; significa amor, fartura, bó tempo. Comezan as festas do maio florido. A flor como insignia da vida porque no ciclo será froito e novamente semente.” Os maios” son das festas mais populares do ciclo anual. Aproveitando o froito que da a natureza apréciase a creatividade das xentes nas composicións florais ou nas coplas que acompañan ós maios, fundamentais na escenificación da celebración, cubertos de polas e adornados con flores e vexetación.

Maio é o mes do amor, o mes verde e florido. Amor, vexetación e festas interrelaciónanse entre sí: “ aí ven o maio florido e galán/ tódalas rapazas amores lle dan” (A. Cunqueiro);festas e ritos que sempre se acompañan con cánticos e coplas xeralmente de carácter irónico, das que a literatura popular garda numerosos exempros. En Galicia os maios teñen especial implantación na provincia de Ourense, declarados de interese turístico.

Suso Fernández

Exit mobile version