Mais este título non é cousa só do equipo cadete, posto que na base do club cremos nun proxecto común e que engloba a cada un dos seus integrantes, dende os máis pequenos que inician a súa andaina na práctica deportiva ata os rapaces e rapazas dos filiais que xa compiten en categoría sénior. Un anaco deste título é dos infantís, que conviven co cadro cadete na case totalidade de encontros da liga e que este domingo foron os primeiros en saltar á cancha para felicitalos como campións. Tamén é do resto de compoñentes da base que sempre mostran o seu apoio, como bos compañeiros.
Como o CD Burela FS non deixa de ser un club humilde, que precisa da colaboración de toda unha vila, pequena en tamaño, pero moi grande na súa xente, non esquecemos a varias persoas que nos axudan desinteresadamente na nosa laboura semanal; trátase dos delegados que acompañan tanto o equipo cadete como o resto de equipos que compiten co escudo do Burela Pescados Rubén no peito. Moitas grazas a Ares, ao Chacho, a Cándido, a Juan, a Jose, a Jesús, a Senín, a Scot, a Álex, a Jose Bolaños e a Carlos pola súa axuda; este título tamén é deles.
Cando o equipo feminino se proclamou campión de liga de Primeira, as verbas do presidente, Manolo Blanco, cara a nós foron: ”Isto é de todos!”. Tiña toda a razón, polo que tamén queremos agradecer ao corpo directivo e xestor do club, aos empregados e colaboradores polo seu apoio durante estes anos; isto tamén lles pertence, porque fan que competir con clubs de grandes cidades sexa menos difícil.
Por último e máis importante, hai que salientar o traballo e dedicación do incombustible Mario Pillado e de Míchel, que durante toda a temporada estiveron pendentes dos rapaces, de animalos e aconsellalos nos momentos máis duros. Non queremos deixar de mencionar, tampouco, a dous compañeiros inesquecibles no traballo da base, que xa non forman parte deste equipo: Javi “Celes” Rodríguez e Raúl Lara. Unha parte moi importante deste campionato debémosllela a eles dous, sen o seu traballo anterior sería imposible conseguir o obxectivo.