Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Ribadeo denuncia ante o Defensor del Pueblo a falta de iluminación da Ponte dos Santos

Ribadeo, 13 de maio de 2016. O alcalde, Fernando Suárez, acaba de enviarlle un escrito ao Defensor del Pueblo para denunciar a falta de iluminación que sofre desde hai anos a Ponte dos Santos, infraestrutura pola que discorre a A-8. No escrito o rexedor sinala que “aínda que xa lle advertimos ao Ministerio de Fomento por activa e por pasiva de que, como donos que son da infraestrutura en cuestión, tamén son responsables dos incidentes que poidan acontecer na mesma debido á deficiente iluminación pública… o único que recibimos é silencio ou evasivas”.

Suárez Barcia sinalou que “vistos todos os requirimentos que lle levamos feito desde o Concello de Ribadeo, da Alcaldía e do pleno da Corporación por unanimidade, e cónstame tamén que a Corporación de Castropol tamén de maneira unánime, ten demandada a reparación desta inxustiza, agora desde Ribadeo damos un paso máis. E como xa están avisados por activa e por pasiva, como donos desa infraestrutura que son, como responsables dos incidentes que poidan ter lugar pola falta de iluminación, decidimos dirixinos ao Defensor del Pueblo, do Estado, para poñerlle en coñecemento estas actitudes irresponsables e ao mesmo tempo ilegais, invocando precisamente o uso das facultades que lle outorga tanto a Constitución como as leis ao Defensor del Pueblo, a quen lle pedimos encarecidamente que tome as medidas oportunas en relación coa actuación administrativa que lle describimos, antes de que teñamos que lamentar algunha desgraza persoal que non se poida solucionar despois coas palabras ou con baleiros expedientes de responsabilidade patrimonial, que a fin de contas tampouco resolven o dano causado”.
O alcalde ribadense manifestou que “digo todo isto porque teño que recordar a total pasividade y a actuación que incluso pode chegar a poñer en perigo as vidas de persoas por parte de Carreteras do Estado, que depende do Ministerio de Fomento, dado que é o titular tanto da infraestrutura física como da vía de comunicación da Ponte dos Santos. E pese aos reiterados requirimentos que lles temos realizado a resposta sempre é negativa, argumentando cousas absurdas como que fose responsabilidade doutra administración, neste caso dos Concellos, que dita instalación non cumpra as súas propias normas. Non é admisible que teñamos que ser os Concellos os que asumamos o custe cando a lexislación, modificada no 2013, deixa absolutamente delimitadas cales son as competencias das diferentes administracións. E os Concellos, desde logo, non temos entre as nosas competencias que pagar o alumeado público de infraestruturas do Ministerio de Fomento”.

Fernando Suárez engadiu que “en consecuencia non pode seguir pasando o que ocorre a día de hoxe: que hai un enorme número de persoas, de ciclistas, de peregrinos, dado que é a porta de acceso a Galicia do Camiño Norte, que se ven na obriga de atravesar a ponte ás escuras e moitas veces con enorme perigo para a súa propia integridade, porque unido á falta de iluminación o ancho da beirarrúa, de escasamente 80 centímetros, non facilita para nada as cousas”.

O rexedor concluíu asegurando que “por todo isto confiamos en que o Defensor del Pueblo tome cartas no asunto e requira de maneira inmediata ao Ministerio de Fomento para que faga unha cousa moi simple e moi sinxela, que é cumprir a lei e atender ao coidado e á custodia das súas propias infraestruturas, que son da súa responsabilidade”.

Exit mobile version