Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Foz presenta propostas para os orzamentos municipais

Foz, 4 de maio de 2016.- Este martes foi a segunda xunta de portavoces desta lexislatura polo tema orzamentario.

Estando case na metade do ano o equipo de goberno do Concello de Foz aínda non levou a debate os presupostos anuais que deberían terse aprobado antes de rematar o 2015.

Na xunta de portavoces deste martes, a segunda por esta cuestión, trataban de poñerse enriba da mesa todas aquelas propostas que os tres partidos da oposición virán necesario incluír no documento. Sorprendentemente, foi o BNG o único partido que levaba unha proposición debatida, consensuada e rexistrada.

Estas propostas comezan coa Escola Municipal de Música. “É algo no que levamos insistindo dende que entramos na corporación”, explican Rego e Seivane, “hai que elaborar unha ordenanza que se asemelle á do resto de escolas da Mariña e reunirse co profesorado para programar as melloras necesarias”, engaden.

As beirarrúas nas parroquias practicamente nin existen. O BNG solicita que se elabore un Plan de colocación, que segundo o alcalde comezará por Forxán. Rematar o saneamento en San Martiño, Santa Cilla e San Acisclo é outra das teimas das nacionalistas. “Onte explicouse que é algo complexo de facer, mais que se ía intentar solucionar” di Rego, que onte, como voceira, representou ao BNG na xunta de portavoces.

Ademais explica que “onte tireille das orellas ao equipo de goberno, recordándolles que puido estar elaborada a ordenanza pola colocación de caixeiros automáticos na vía pública, unha proposta que levou o BNG a Pleno fai meses, e que suporía para estes orzamentos ao redor duns vinte mil euros”.

A última proposta, pero das máis cuantiosas, é a reparación e o acondicionamento do Pavillón Municipal de Marzán. “O custe aproximado da obra total que habería que acometer sería de medio millón de euros”, explican as concelleiras nacionalistas, “aínda que non é necesario facelo todo neste exercicio si que é primordial comezar por substituír a cuberta, reparar o parqué e ensanchar as parades, deixando para o vindeiro ano os vestiarios, os accesos e o equipamento” engaden Seivane e Rego.

Exit mobile version