Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Mondoñedo levará varias propostas de actuación ao pleno do vindeiro venres e pedirá explicacións sobre a falta de sinalización do aparcadoiro situado detrás da Alcántara

Mondoñedo, 25 de maio de 2016.- Para o BNG unha das consecuencias deste proceso extraordinario de regularización catastral, ademais do pago da taxa de 60€ por cada alta no catastro, será que numerosos galpóns, alpendres, naves ou granxas pasarán a engrosar o censo catastral e a pagar a contribución, cuestión que ata o de agora non viña ocorrendo e co conseguinte incremento do resultado final a pagar. Este feito vai supoñer un novo ataque á actividade agraria e a vida no rural.

Polo tanto, o Grupo Municipal do BNG no concello mindoniense proponlle ao pleno do concello que rexeite o avance deste proceso e que se revise á baixa o tipo de gravame que se aplica a nivel municipal a edificacións vinculadas á actividade agraria e que se deseñen unha serie de bonificacións dirixidas aos veciños e veciñas con dificultades económicas, para adaptalo as súas posibilidades.

O BNG de Mondoñedo instará ao goberno municipal a que tome a iniciativa para que se retomen as reunións da comisión de seguimento da crise, constituída despois do peche da ECAR, para reclamar de todas as administracións a posta en marcha dun plan de recuperación de emprego e actividade económica no concello de Mondoñedo
Eloi Cabanas, voceiro do Grupo Municipal no concello, recorda que o 28 de decembro de 2011 o Parlamento Galego aprobou un texto consensuado por todas as forzas políticas con representación na Cámara Galega no que instaba á Xunta de Galicia a impulsar en colaboración coa Deputación de Lugo, o Estado e os concellos un Plan de Desenvolvemento Industrial con apoio público, para contribuír á dinamización económica e comarcal, principalmente nos concellos de Mondoñedo e Lourenzá.

“Pasaron máis de catro anos desde que se aprobou a iniciativa e en Mondoñedo o Plan de Emprego non o vemos por ningún lado”.

O BNG local cree que o goberno local debe ser o máis interesado en traer investimentos ao municipio, por iso pídelle “que tome a iniciativa para que a comisión se seguimento da crise se reúna de novo e avaliar posibles medidas de impulso económico que tanta falta lle fan a Mondoñedo”.

Os nacionalistas presentarán un rogo para que se limpen as canles do Barrio dos Muíños
Pediranlle ao goberno local que corrixa a mala imaxe que presentan as canles do Barrio dos Muíños.
Neste senso, Eloi Cabanas explicou que este non é un problema novo e que xa fai tempo que cidadáns e visitantes do entorno o veñen padecendo o estado de abandono que presentan as canles e pídelle á señora alcaldesa que “deixe de presumir do ben que está cidade cando un dos emblemas mais característicos deste barrio baixa practicamente sen auga e cuberto de maleza”.

O BNG local tamén pedirá explicacións pola falta de sinalización, nas entradas á cidade, do aparcadoiro situado detrás da Alcántara
No ano 2015 os Servizos Técnicos Municipais redactaron unha memoria valorada por encargo do concello onde estaba prevista a instalación de 9 sinais verticais nas entradas á cidade e na que se incluía tamén un orzamento de 1903,50€ para cubrir os gastos de materiais, man de obra e maquinaria.
O portavoz nacionalista pregúntase unha vez rematada a obra “¿onde van os cartos previstos para sinalización deste espazo público?”, e non entende como no anterior pleno ordinario a alcaldesa de Mondoñedo declara que o goberno municipal “terá en conta” a proposta do BNG de sinalizar o aparcadoiro nas entradas ao caco histórico sabendo que xa había orzamento destinado para este fin.

Exit mobile version