Site icon Crónica3.com A Mariña

O Burela FS arrebátalle o trono ao Navalcarnero (2-3)

maite-navalcarnero16Burela, 30 de abril de 2016.- O CD Burela FS Pescados Rubén loitou contra vento e marea en terra hostil para cumprir coa súa décimo cuarta vitoria consecutiva e arrebatarlle o liderado ao Atlético de Madrid Navalcarnero na súa casa, co apoio de máis dun centenar de afeccionados laranxas. As pupilas de Lucas remontaron en dúas ocasións a dianteira do Futsi e marcaron o definitivo 2-3 no último minuto, un resultado que lles outorga a primeira praza de Primeira RFEF con 1 punto de vantaxe sobre as madrileñas a falta de catro xornadas para o final ligueiro.

O equilibrio e a intensidade reinaron sobre a pista de La Estación con dous equipos máis que decididos a non cometer erros e sen deixar ceder nin un ápice de cortesía ao rival. As locais conseguiron adiantarse a falta de pouco máis de tres minutos para o descanso nun rexeite tras lanzamento ao segundo pau de María Sanz.

As filas galegas apostaron por imprimir máis intensidade e dominio nos primeiros compases do segundo período. Gaby, no minuto 24, igualou a contenda a balón parado. Os máis de cen afeccionados laranxas tiveron que ver como volvía poñer terra por medio o Navalcarnero, con Amelia, nas proximidades do ecuador da segunda parte, tras recuperación na pista burelista. Armáronse de máis paciencia e coraxe, cun toque extra de concentración as mariñás, para non ceder ante nada; apostaron desde o minuto 30, con Bea Mateos liderando o xogo de cinco. No 36 apareceu a oportunidade de ouro; volveron as merecidas táboas ao luminoso cun penalti transformado por Peque. No último minuto, a animada e ruidosa bancada laranxa estalou de alegría co 2-3 de Peque, en colaboración con Dany.

Vista Alegre acollerá o regreso da liga, tras o Torneo de Moscova (6-8 de maio), o domingo 15 coa visita do Roldán Jimbee FS.

Ficha técnica
Atlético de Madrid Navalcarnero: Estela, Ju Delgado, Leti, Ariane, Amelia, cinco inicial; tamén xogaron Desi, Marta Pelegrín, María Sanz

CD Burela FS Pescados Rubén: Jozi, Dani, Peque, Bea Mateos, Maite, cinco inicial; tamén xogaron Gaby, Claudia, Ceci
Goles: 1-0, minuto 17, María Sanz; 1-1, minuto 24, Gaby; 2-1, minuto 29, Amelia; 2-2, minuto 36, Peque (penalti); 2-3, minuto 39, Peque
Árbitros: David Martín Sanz e Javier Sanz, do colexio madrileño. Por Navalcarnero a Ju Delgado (minuto 36). Por Burela FS a Gaby e Jozi (minuto 29)
Incidencias: Partido correspondente á 26ª xornada da Primeira División RFEF disputado en La Estación con máis de 100 afeccionados laranxas

Exit mobile version