Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela mellorará nos vindeiros meses o parque Rosalía de Castro

Burela, 6 de maio de 2016.- O Concello mellorará o parque Rosalía de Castro nos vindeiros meses. O investimento a realizar ascende a 60.000 euros. As obras teñen que estar rematadas en setembro, segundo anunciou este venres ao mediodía o tenente de alcalde e concelleiro de Obras e Servizos, Ramiro Fernández Rey.

O edil socialista contou que “recibimos unha subvención por parte da Xunta de Galicia para un proxecto que tíñamos presentado con respecto á reposición dos chans e máis a substitución de xogos no parque Rosalía de Castro. A contía da subvención ascende a case 40.000 euros e desde o Concello vamos ter que facer un esforzo económico importante, xa que vamos ter que poñer cerca de 20.000 euros. Pero entendemos que é unha obra moi necesaria e solicitada por todos os veciños e veciñas de Burela”.

Ramiro Fernández considera que “calquera que pase polo parque Rosalía estes días soleados dos que estamos gozando agora pode ver que evidentemente se nos están quedando as instalacións un pouquiño pequenas. E o obxectivo con esta solicitude de subvención que fixemos e a obra que vamos acometer é poñer ao día o parque Rosalía de Castro, que sexa máis cómodo e que o seu disfrute sexa completo por parte dos veciños e veciñas que ata alí se desprazan todas as tardes”.

O concelleiro burelés engadiu que “a subvención recolle que as obras teñen que estar rematadas antes de setembro e xa estamos traballando en rematar o proxecto e entendemos que en breve sacaremos a licitación a obra e intentaremos facela o antes posible”.

Exit mobile version