Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela segue a traballar para poder aplicar a revisión dos valores catastrais a partir do 1 de xaneiro de 2017

Burela, 24 de maio de 2016.- O Concello segue a traballar para poder aplicar a revisión dos valores catastrais en Burela a partir do 1 de xaneiro de 2017. Este martes o alcalde, Alfredo Llano, acompañado polo secretario e polo interventor, mantiveron unha xuntanza en Lugo co responsable do Catastro, Luis Fernando Jácome. O Concello emitirá proximamente un informe favorable á ponencia de valores e á delimitación do chan.

O rexedor explicou que “hoxe tiven unha reunión en Lugo xunto co secretario e o interventor do Concello co responsable do Catastro a nivel provincial, Luis Fernando Jácome, e o seu equipo porque estamos tratando de facer unha nova ponencia dos valores catastrais de Burela, porque consideramos que esta revisión é urxente, necesaria e débese facer máis que nada porque hai que cumprir a lei. E iso significa que os valores catastrais deben estar fundamentados nos prezos do mercado. Polo tanto a actualización está totalmente xustificada”.

Alfredo Llano contou que “fomos a Lugo basicamente para tratar de consolidar un acordo mirando entre todos como facer da mellor maneira todo o proceso para desenvolvelo e poder aplicar a partir do 1 de xaneiro do ano 2017 unha nova valoración de todos os bens que teñen que estar recollidos no Catastro de Lugo. Isto tamén vai influír con respecto ao Imposto de Bens Inmobles (IBI), o coeficiente que hai que aplicar e todo o que hai que adaptar para procurar poñelo ao día”.

O alcalde burelés engadiu que “basicamente hoxe estivemos falando de prazos, de como informar aos veciños de Burela, do que pode ser o tipo de IBI que vamos aplicar, o coeficiente de rústica, os sistemas de notificación, etcétera. Hai unha serie de cuestións que estamos coordinando e poñendo uns prazos para que se vaia cumprindo todo e que vaia saíndo ben. De tal xeito que o que vamos facer de momento é emitir un informe favorable á ponencia de valores e á delimitación do chan. Desde o Concello vamos aprobar isto para que o proceso siga o seu transcurso normal e unha vez que se informe favorablemente desde o Concello esta ponencia de valores que o propio Catastro nos enviou para que analizáramos, estando de acordo significa que xa temos un paso máis dado para ir consolidando todo o proceso. Agora vamos seguir con esta cuestión ata que en setembro ou primeiros de outubro ofrezamos toda a información debidamente ordenada a tódolos veciños de Burela e así todo se vai cumprindo para que no primeiro día de xaneiro do ano 2017 se poida aplicar esta nova ponencia”.

Alfredo Llano realizou unha valoración positiva do encontro celebrado hoxe en Lugo: “foi unha reunión na que se analizou e se explicou este asunto perfectamente polo que resultou moi positiva para comprender toda esta temática, porque sempre que vou alí ou veñen eles aquí resúltame moi gratificante porque teñen moito coñecemento. Desde logo vamos procurar facer un bo traballo para que os veciños de Burela se sintan satisfeitos.Pensamos que a través desta ponencia vai reducirse o que se está pagando de IBI agora en Burela e vamos procurar que, polo menos, todos os nosos veciños cumpran a lei con respecto a este tema”.

Novas prazas
O alcalde de Burela tamén pasou hoxe pola Deputación Provincial de Lugo: “aproveitando a viaxe a Lugo fun pola Deputación para recoller uns informes e unha valoración que solicitamos porque no Concello de Burela vamos convocar dúas prazas que agora mesmo non existen como tales: unha é de arquitecto e a outra de tesoureiro habilitado nacional, as dúas do grupo A1. Estas dúas figuras profesionais non están agora mesmo contempladas na Relación de Postos de Traballo (RPT) e por tanto o que solicitamos á Deputación de Lugo foi que se fixera con carácter provisional a modificación puntual e excepcional da RPT do Concello de Burela para valorar estas dúas prazas”. Segundo Alfredo Llano “está todo perfectamente claro, estamos conformes co que eles nos indican e, por tanto, o que vamos facer é sacar cando poidamos estas dúas prazas. Pensamos que son moi importantes, tanto unha como a outra, e unha delas case é obrigatoria pola nova normativa que se aplica nos Concellos para a praza de tesoureiro, que ten que ser un habilitado nacional, como un secretario ou un interventor. Por tanto a partir do 1 de xaneiro de 2017 queremos ter estas dúas prazas cubertas”. A de arquitecto ven substituír á de arquitecto técnico, que quedará baleira dentro duns meses por xubilación do seu titular.

Exit mobile version