Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo mostra a súa satisfacción por conseguir bandeira azul para a praia do Torno e a ruta que pasa polo areal

Cervo, 6 de maio de 2016. O Concello de Cervo mostra a súa satisfacción por conseguir a bandeira azul ademais de para a praia do Torno tamén para a ruta que pasa por ese areal.

A Concelleira de Medio Ambiente, Manuela Méndez, manifestou este venres que “dende o Concello de Cervo, un ano máis, mostramos a nosa satisfacción e alegría por conseguir a bandeira azul para a nosa praia do Torno. A bandeira azul, como ben sabemos, é un distintivo de calidade, o cal quere dicir que a praia abandeirada ten unhas condicións óptimas a nivel ambiental e de infraestruturas para os cidadáns”.

Manuela Méndez subliña que “o Concello de Cervo ten hoxe as súas praias cunha cualificación máis que superada para o baño. Hoxe todas as nosas praias cumpren as garantías sanitarias esixidas por Sanidade” e anunciou que “desde o Concello seguiremos traballando para que en anos sucesivos poidamos ter máis bandeiras azuis nos nosos areais”.

A edil de Medio Ambiente salientou ademais que “o Concello tamén está moi satisfeito por conseguir para o paseo da praia do Torno o distintivo de sendeiro azul, que son camiños que sempre teñen que pasar a carón dunha praia ou de calquera outra infraestrutura que teña bandeira azul. O noso é un sendeiro azul pequeno, de 2,36 quilómetros, que vai dende a rampla do porto, todo pola travesía, pola praia do Torno, polo parque pasando pola carpintería da ribeira, cruza na ría, vai á ponte medieval e remata nas fábricas de salgadura. É un sendeiro que recompila moi ben a vida do pobo porque nel pódese ver moito do que foi e do que é hoxe o noso pobo: as praias, as carpinterías, as fábricas de salgadura, o peirao, etcétera … É un sendeiro cunha dificultade media baixa e pódese facer en media hora ou corenta minutos. Todos pensamos que é tamén un reclamo turístico máis e conxuga toda a historia dun pobo”.

Exit mobile version