Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Foz asina un convenio coa Consellería de Cultura e a diocese para crear un centro de interpretación da basílica de San Martiño

Foz, 16 de maio de 2016.-O Concello de Foz ven de asinar un convenio coa Consellería de Cultura e coa Diocese de Mondoñedo-Ferrol para fixar as bases do centro de interpretación da basílica de San Martiño.

O alcalde focense, Javier Jorge Castiñeira salienta que “o día de hoxe é un día moi importante para todo o que é A Mariña, coa firma deste convenio que asinan tanto o Concello de Foz como a Consellería de Educación e Cultura e a propia Diocese para fixar xa as bases do que será o centro de interpretación de San Martiño de Mondoñedo que se está xa a programar e a traballar sobre el”.

O rexedor engade que “estase sentando unha base importante do que é a historia da nosa comarca, a historia da Diocese de Mondoñedo-Ferrol, no lugar onde orixinariamente se creou esta diocese, que non é nin máis nin menos que precisamente aquí, na basílica de San Martiño de Mondoñedo, a catedral en pé máis antiga de España”.

Javier Castiñeira subliña que “é un convenio importante para seguir promocionando este punto turístico, esta xoia arquitectónica do románico que temos na Mariña que quizais sexa unha das grandes descoñecidas do territorio galego; eu creo que vai un pouco nese senso de crear este eixo fundamental na promoción turística da Mariña. Este non é outro que o eixo das tres catedrais da Mariña: a praia das Catedrais, en Ribadeo; a catedral máis antiga de España, a catedral que dá orixe a diocese de Mondoñedo-Ferrol, que é a basílica de San Martiño de Mondoñedo; e, por suposto, a catedral de Mondoñedo, a actual sede episcopal con Ferrol desta diocese”.

O alcalde de Foz fai fincapé en que hoxe é “un día importante porque selamos un acordo para que aquí haxa un centro de interpretación, para que todos aqueles que nos visiten poidan saber o que foi a historia deste centro, clave no medievo galego, clave no seu día no que foi o reino de Galicia, onde foron bispos personaxes transcendentais como mesmo San Rosendo, que é patrón da diocese de Mondoñedo-Ferrol e que foi bispo de San Martiño de Mondoñedo con dezasete anos aló polo século X”.

Castiñeira engade que o obxectivo é que “esa transcendencia tratar de poder explicala ás máis de 10.000 persoas que nos visitan todos os anos. E esperemos que con este centro de interpretación poidamos incrementar moito máis; seguir dando un servizo de guía máis amplo, que foi tamén un cambio importante e fundamental, e ter ademais ferramentas para poder explicar a importancia deste centro no que é a historia da nosa comarca”.

Exit mobile version