Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Foz organiza o IV Festival Voces Xóvenes A cappella que ofrecerá 5 concertos entre maio e xuño

Foz, 2 de maio de 2016. O Concello de Foz organiza o IV Festival Voces Xóvenes A cappella, que se desenvolverá durante este mes de maio e a primeira fin de semana de xuño. Este evento, organizado pola Concellería de Cultura, terá como escenario a Sala Bahía.

O programa comezará este venres, día 6 de maio, coa actuación de Voces Blancas, do Conservatorio de Música de Nalón, ás 20.00 horas. Este grupo formado no 2011 está integrado por 22 mozas con idades entre 12 e 17 anos. O pasado ano recibiron o terceiro premio do XXI Certame Xuvenil de Habaneiras de Torrevieja e o segundo do LXII Youth European Music Festival en Neerpelt (Bélxica).

O xoves día 12 de maio actuará a Aula Coral do IES de Foz ás 21.00 horas. Creada en outubro do 2011 actualmente conta con 30 voces brancas traballadas coa axuda de tres profesores do centro e dirixidas por Fernando Allén Fraga.

O venres 20 de maio o Grupo Vocal Sondenós ofrecerá un concerto didáctico ás 21.00 horas. Creouse no 2012 e ten actuado dentro e fora de Galicia e de España. Conta cun altísimo nivel vocal.

O venres día 27 de maio actuará o Coro do Conservatorio de Música de Viveiro ás 21.00 horas. Xorde no ano 1998 e está integrado por 45 voces dirixidas por Antonio J. Álvarez Neira, director do Conservatorio Profesional de Música de Viveiro.

Este IV Festival Voces Xóvenes A cappella rematará o venres día 3 de xuño coa actuación dos coros da Escola de Música de Foz ás 21:00 horas. Creados no 2012 están dirixidos desde o seu comezo por Felipe Sánchez Fernández, profesor de guitarra da ESMU de Foz.

A concelleira de Cultura, Silvia Blach, explicou que este festival “pretende ser unha loubanza a todos e todas aqueles e aquelas xóvenes que utilizan a música, en xeral, e a voz, en particular; e aos seus profesores, que de maneira entusiasta son quen de transmitirlles a través da música uns coñecementos ao mesmo tempo que procuran unha busca da excelencia, da constancia e o fortalecemento de valores fundamentais para a mocidade. Por elo cremos que a mellor maneira de agradecer este grande esforzo é amosarlle ao pobo de Foz o sobresaínte traballo realizado”.

Exit mobile version