Site icon Crónica3.com A Mariña

O DOG publica a orde de axudas que financiará a elaboración de estratexias de sustentabilidade ambiental municipais

Lugo, 3 de maio de 2016.- O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este martes a novidosa orde de axudas (http://goo.gl/cnBbs1) da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio destinada a financiar a elaboración de Estratexias de sustentabilidade ambiental por parte dos concellos. A convocatoria, que ten como principal obxectivo integrar a adaptación ao cambio climático na planificación municipal, está dotada con preto de 1,4 millóns de euros.

O secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, Justo de Benito, e a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, presentaron este martes esta orde de axudas, que beneficiará aos concellos de menos de 20.000 habitantes.

O responsable autonómico explicou que esta iniciativa pretende apoiar as entidades locais para favorecer que os concellos integren a loita contra o cambio climático nas súas políticas, tanto desde o punto de vista de redución de gases de efecto invernadoiro como da necesaria adaptación ás consecuencias derivadas do quecemento global que está a sufrir o noso planeta.

Ao respecto, precisou que os asentamentos de poboación consumen o 75% da enerxía mundial, de aí que sexa “especialmente relevante” que os concellos poidan poñer en marcha “estratexias propias” que dean resposta ás necesidades específicas de cada territorio.

Segundo a orde de axudas publicada este martes, serán subvencionables os traballos de asistencia técnica para a elaboración de estratexias de sustentabilidade ambiental que propoñan as entidades locais, entendendo por tales aquelas que contribúan a mellorar o comportamento das entidades locais fronte ao cambio climático, con base no estado ambiental actual (enerxía, residuos, sectores produtivos, ecosistemas singulares, cidadanía), e que axuden á definición das mellores opcións de adaptación ao cambio climático.

Cada entidade local solicitante poderá acceder a unha axuda máxima de 4.500 euros, que cubrirá ata o 70 por cento do custo da elaboración da estratexia. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, a partir deste mércores.

Exit mobile version