Site icon Crónica3.com A Mariña

O Foro do Camiño opónse á cimentación do Camiño Norte e Primitivo e pide a paralización urxente dos traballos

Lugo, a 27 de maio de 2016.- O Foro do Camiño Primitivo, conformado por 30 organizacións defensoras dos Camiños de Santiago, estamos alertados polas obras que a Axencia Galega de Turismo está a realizar nalgúns treitos do Camiño Norte e no Camiño Primitivo, recentemente declarados como Patrimonio da Humanidade. Vimos de saber pola prensa que este organismo pretende cimentar perto de 12 quilómetros da vía norte e primitiva, dos cales a metade pertencen ao concello da Fonsagrada.

Segundo a Axencia Galega de Turismo este “proxecto de acondicionamento” consiste en estabilizar varios treitos do Camiño Norte e Primitivo con varias capas de grava e saburra artificial (zahorra) e de cemento!! Consideramos que este tipo de intervencións van en contra da propia esencia dos camiños tradicionais e de carácter rural que identifican as rutas históricas de peregrinaxe, atentando contra os diversos valores ambientais, paisaxísticos e culturais que permiten outorgar o recoñecemento destas vías medievais como Bens de Interese cultural ou Patrimonios da Humanidade.

Desde o Foro do Camiño consideramos especialmente inaceptable que sexa precisamente a administración encargada de velar pola conservación e protección destes valores e bens públicos, a Xunta de Galicia, a que estea a promover a reconversión dos camiños de Santiago en pistas cimentadas ou autoestradas de paso máis propias de ámbitos urbanos, poñendo en perigo a súa condición de Patrimonio da Humanidade.

Por iso esiximos á Xunta de Galicia e, en especial, á Axencia Galega de Turismo e á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural que paralicen as obras que se están a executar nos Camiños Norte e Primitivo dentro deste “Proxecto de acondicionamento”. Tamén pedimos aos concellos afectados que manifesten a súa oposición a este atentado contra a preservación dos valores naturais e tradicionais das vías medievais que atravesan o seu territorio.

Ao mesmo tempo, ADEGA vén de solicitar ás Direccións Xerais de Patrimonio Cultural e de Conservación da Natureza copia de todos os informes que presumiblemente avalan estas maltreitas actuacións nos camiños de Santiago, incluído o informe do Comité Asesor dos Camiños de Santiago, encargado de valorar este tipo de actuacións.

No caso de que a Xunta desatenda a nosa petición de paralización das obras e reconsideración do devandito “proxecto de acondicionamento” dos camiños Norte e Primitivo de Santiago, o Foro do Camiño non descarta presentar unha denuncia na UNESCO a través do ICOMOS-España, entidade que ten como obxectivo promover a aplicación dos criterios de conservación e protección dos bens declarados como Patrimonio da Humanidade.

Por último, o Foro do Camiño insta á Xunta a investir os cartos de fondos europeos en actuacións destinadas a preservar os valores tradicionais dos camiños e a reparar todas aquelas actuacións que ao longo dos tempos deturparon, alteraron ou prexudicaron a senda orixinal e tradicional dos Camiños Norte e Primitivo, e polas cales o Foro do Camiño ten recorrido contra a Xunta en vía contenciosa administrativa.

Exit mobile version