Site icon Crónica3.com A Mariña

O Goberno Provincial pide a todas as institucións “traballo conxunto” para garantir os 1.300 empregos de Alcoa

roda de presnsa-deputacionLugo, 30 de maio de 2016.- O Goberno Provincial da Deputación de Lugo leva ao Pleno deste martes unha proposta en apoio aos 1.300 traballadoras e traballadores, que xera a planta de Alcoa en San Cibrao. “É urxente o compromiso político de todas as administracións públicas para garantir a permanencia de Alcoa en San Cibrao. O seu peche, xunto coa dramática situación do sector lácteo, faría que na nosa provincia non quedase nada. É unha cuestión de supervivencia” sinalaron os voceiros do executivo Álvaro Santos e Xosé Ferreiro.

Os acordos que o equipo de goberno trasladarán á sesión deste martes para o seu debate e aprobación, “esperando a unanimidade da Corporación”, son os seguintes:

1.- A Deputación de Lugo traslada o seu apoio ás traballadoras e traballadores da planta de Aluminio que a multinacional Alcoa posúe en San Cibrao, e ponse á súa disposición para realizar todas e cantas xestións estean ao seu alcance para garantir os empregos.

2.- A Deputación de Lugo manifesta que os arredor de 1.300 empregos que supón a planta de aluminio son fundamentais para a provincia de Lugo e, en particular, para garantir a supervivencia e o futuro da Mariña e das familias que viven nesta Comarca.

3.- A Deputación de Lugo insta a todas as institucións públicas a traballar coordinada e continuamente co obxectivo de garantir que ningunha das posibles situacións que se poidan dar afecten aos empregos; que se manteña o número de postos de traballo e as condicións dos mesmos; e se evite que as nosas veciñas e veciños se vexan afectados polas repercusións negativas das decisións empresariais dunha multinacional que actúe en base aos seus propios intereses económicos, sen valorar as consecuencias sociais das mesmas no noso territorio.

4.- O Pleno da Deputación de Lugo insta á Xunta de Galicia e ao Goberno Central a realizar todas e cantas xestións sexan necesarias para a permanencia da citada planta de aluminio, entre outras, e para pór en funcionamento unha tarifa eléctrica galega que permita as industrias e familias abaratar os custes de abastecemento en Galicia, comunidade excedentaria na produción enerxética.

Ordenanzas do Galego e de Teleasistencia
O Executivo Provincial presenta ao Pleno a ordenanza do uso do galego na Deputación de Lugo para “adaptalo á lei de normalización lingüística. Hai máis de dous meses, que trasladamos esta proposta aos grupos da Corporación e ao Deputado non adscrito para que fixesen as súas suxestións. Non as houbo. Esperamos a unanimidade”, destacou Xosé Ferreiro. A outra ordenanza que se abordará na sesión plenaria é a de Teleasistencia, que busca mellorar este servizo que a Deputación presta de xeito totalmente gratuíto a maiores, dependentes ou persoas con discapacidade de toda a provincia. “Isto é, precisamente, o que nos diferenza da Xunta, pois o seu servizo de Teleasistencia só é para persoas catalogadas como dependentes e obriga ao copago”, remarcou Álvaro Santos. Con esta ordenanza, a Deputación incrementa en máis de 500 o número de prazas, acadando as 1.555; e incorpora criterios socio-sanitarios para a súa concesión. Serán os propios traballadores sociais os que valoren o grao de soidade, ámbito da vivenda, situación familiar ou a capacidade na toma de decisión dos demandantes. Estas axudas poderanse tramitar na Deputación, ademais de nos Concellos, que contarán coa “necesaria” colaboración do persoal provincial, pois non teñen traballadores sociais propios, senón que comparten os que subvenciona a Xunta.

Adhesións
O Goberno Provincial proporá ao Pleno a adhesión da Deputación de Lugo ao Consello Internacional de Museos “ICON”, que mantén unha relación formal coa UNESCO e está dirixida á conservación, mantemento e comunicación do patrimonio natural e cultural; á Asociación Española de Municipios da Montaña, que defende os intereses destes Concellos en aspectos como despoboamento, a agricultura, gandeiría, turismo…; e á Sección de Entidades Locais con Augas Minerais e Termais da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), que busca unha política integral de desenvolvemento dos Concellos con augas minerais.

Exit mobile version