Site icon Crónica3.com A Mariña

O Goberno Provincial presenta un servizo de Teleasistencia gratuíto, máis social e con 500 novas prazas

roda de alvaro santos-deputacionLugo, 26 de maio de 2016.- O Deputado de Promoción Económica e Social, Álvaro Santos Ramos, presentou este xoves a ordenanza que o Goberno Provincial leva ao vindeiro Pleno para ofrecer aos cidadáns dos 67 Concellos da provincia un servizo de Teleasistencia gratuíto, máis social e con máis de 500 novas prazas.

Santos Ramos explicou que na actualidade os lucenses poden solicitar a Teleasistencia á Deputación de Lugo ou ben á Xunta de Galicia, e expuxo as diferenzas entre os servizos que prestan cada un destas administración públicas.

Gratuíto e para todos
A Deputación presta na actualidade un servizo gratuíto de Teleasistencia a 917 lucenses, que son dependentes, simplemente maiores ou persoas que sofren algunha limitacións en canto a súa autonomía. É unha prestación para todos. Permite unha asistencia inmediata nos seus propios fogares a través dun sinxelo dispositivo telemático. Tamén ofrece unha prestación denominada “Axenda”, que permite o contacto directo e diario vía telefónica dos traballadores sociais cos usuario para, por exemplo, coñecer o seu estado ou se seguen as recomendacións médicas.

Copago e para dependentes
O servizo da Xunta obriga ao copago, é dicir, os usuarios teñen que pagar en función da súa renda. Ademais, só está dirixido a persoas catalogadas como dependentes en base á Lei de Dependencia, “que o Goberno Central do Partido Popular dilapidou”. Os recortes dos últimos anos, diminuíron, considerablemente, o número de persoas consideradas como tal.

Melloras do Goberno Provincial
Co nova ordenanza que o Goberno Provincial presta á sesión plenario do vindeiro martes, o servizo gratuíto e para todos de Teleasistencia da Deputación de Lugo introduce as seguintes melloras:

1.- Máis prazas. Increméntanse o número de prazas, ofrecendo máis de 500 novas. Das 917 que hai hoxe, a Deputación poderá financiar ata 1.555 prazas en toda a provincia.

2.- Un servizo máis social. Actualízanse os baremos para a concesión de prazas e introdúcense baremos psicosociais e psicosanitarios. Na actualidade, os criterios para obter unha prazas son a idade, ingresos, apoios familiares, saúde ou grao de discapacidade. Estes mantéñense pero engádense outros como ámbito, acceso ou condicións da vivenda (por exemplo, terase en conta o lugar onde viven os posibles usuarios para primar aos do rural ou os de vivendas lonxe de núcleos poboacións, de difícil acceso…); grao de soidade; capacidade na toma de decisións ou situación familiar.

3.- Un servizo máis profesional e humano. Serán os propios traballadores sociais os que valoren estes novos criterios. É dicir, as persoas que teñen un contacto directo cos usuarios. Polo tanto, a concesión de prazas non será un mero trámite administrativo dende a institución correspondente (Deputación de Lugo ou Concellos), pois os profesionais deste sector serán os encargados de valorar a necesidade da concesión destas prazas unha vez coñecida situación sanitaria e social dos demandantes nos propios fogares. Conséguese un servizo máis profesional e humano.

4.- Máis cooperación cos Concellos e facilidades para os demandantes. Na actualidade, son poucos os traballadores sociais que dispoñen os Concellos, pois trátase de persoal que subvenciona a Xunta de Galicia e que comparten varios municipios. Nin son traballadores propios, nin individuais para cada entidade local. A Deputación pon a disposición dos Concellos o seu propio persoal para, por exemplo, elaborar os informes sociais dos demandantes. Ademais, facilita aos usuarios tramitar a solicitude de prazas directamente na Deputación de Lugo. Tamén poden facelo nos seus propios Concellos.

Exit mobile version