Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo do PP solicita con urxencia actuacións de mantemento e obras de mellora en estradas provinciais de Alfoz e Riotorto

Lugo, 25 de maio de 2016.- O Grupo Provincial do PP demanda que a Deputación de Lugo cumpra coa súa responsabilidade e manteña en bo estado e, polo tanto, acometa tanto as labores de conservación ordinarias como as de ampliación e melloras necesarias na estrada LU-P-0204 que comunica Carrocide, por Arnela a Tremoal, no concello de Alfoz, e na LU-P-2801 de Santo Tomé, por San Adriano e Augaxosa ao Mazo, no tramo das Rodrigas (enlace LU-124) – Augaxosa (límite con Lourenzá), no municipio de Riotorto.

A través dunha iniciativa plenaria que se debaterá no pleno deste mes, o Grupo Popular canaliza estas dúas solicitudes que lle fixeron chegar tanto os representantes políticos locais como os veciños, ao ser moi necesarios actuacións inmediatas nestas infraestruturas viarias para garantir a seguridade dos seus usuarios.

Alfoz
En concreto, a LU-P-0204 presenta unha plataforma moi estreita e un firme en moi mal estado e, a maiores, a consecuencia de que a Deputación de Lugo non está a levar a cabo as tarefas necesarias de limpeza e mantemento, durante os meses de inverno a auga invade a estrada, o que supón un inconvinte maior para o tráfico.

Trátase dunha vía que soporta unha importante densidade de tráfico, sobre todo pesado, ao cruzar unha zona de gran riqueza forestal, ademais de que se converte no principal acceso á parroquia de Pereiro e dá servizo á metade dos residentes de Lagoa. A Deputación de Lugo leva anos esquecéndose dunha estrada, na que en anos só realizou unha pequena actuación de arranxo de fochancas despois de denuncialo publicamente, pese a que esta vía é unha das principais saídas do Concello cara o centro da provincia a través da LU-P-0101, que comunica con Gontán (Abadín) dende onde se pode enlazar coa N-634 e coa A-8.

Riotorto
Pola súa banda, os veciños de Riotorto trasladaron numerosas peticións sobre a necesidade de acondicionar a LU-P-2801 de Santo Tomé, por San Adriano e Augaxosa ao Mazo, no tramo Rodrigas (enlace LU-124) – Augaxosa (límite co concello de Lourenzá), por atoparse nun estado moi deficiente. O trazado presenta múltiples fochancas e o firme está en malas condicións.

Os populares resaltan a importancia desta actuación, xa que ao carón desta estrada provincial, chegando á vía LU-122, prevese a construción do polígono industrial de Riotorto. De feito, o Goberno municipal aprobou inicialmente, na Xunta de Goberno local de data 16 de febreiro de 2016, o Plan Especial SUND Villarín Riotorto Instrumento Urbanístico para levar a cabo o polígono industrial de Riotorto.

Oídos xordos da administración provincial
Dende o Grupo Provincial do PP censuran que a Deputación de xeito reiterado estea a facer oídos xordos á petición de arranxo destas estradas provinciais. Lembra que durante oito anos, o Concello de Alfoz non tivo resposta ás solicitudes de adecuación da vía, ata o punto de que dende o Goberno bipartito provincial votaron incluso en contra de iniciativas trasladadas polos populares ao pleno da Deputación.

A mesma circunstancia dáse coa vía de Riotorto, que pese á petición formulada dende o Goberno local hai tres meses, a Corporación provincial non trasladou ao Concello ningún tipo de resolución.

Os populares agardan que o Goberno da Deputación desista esta actitude de “abandono” das vías provinciais e cumpra cun dos acometidos “primordiais” da entidade, que é o do mantemento das estradas da súa titularidade e que vertebran o territorio lucense.

Exit mobile version