Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo Popular busca o apoio do Parlamento galego para pedir a Europa que cambie o modelo actual de reparto de cotas de pesca

Marín, 9 de maio de 2016.- O Grupo Popular busca acadar o apoio do conxunto das forzas políticas no Parlamento de Galicia para pedir, a través do Goberno central e autonómico, que a Unión Europea modifique o actual sistema de reparto de cotas de pesca.

Os populares din que o modelo vixente debe ser substituído, “demostrada a súa ineficacia” por un novo mecanismo que permita que as posibilidades de pesca sobrantes, e que non son aproveitadas na súa totalidade, poidan cederse ou traspasarse ás flotas, como a galega, que así o precisan para continuar coa súa actividade.

O voceiro do Mar dos populares galegos, Jose Manuel Balseiro, acompañado da alcaldesa de Marín, María Ramallo, e dos deputados Berta Pérez e Jacobo Moreira, presentaron en rolda de prensa esta iniciativa (proposición non de lei) que esta mesma semana será obxecto de debate e votación no Pleno da Cámara galega.

EVIDENTE CONTRADICIÓN
Para argumentar a súa petición os populares lembran que na actualidade ten lugar unha evidente contradición: porque mentres a nova Política Pesqueira Común di perseguir o aproveitamento máximo das capturas a realidade é que, aplicando o sistema de reparto vixente, non foron utilizadas máis de un millón de toneladas en posibilidades de pesca asignadas aos distintos Estados, entre os anos 2008 e 2014.

UNHA NOVA OPORTUNIDADE
Desde o PP e desde a Xunta se intentou en moitas ocasións modificar o sistema europeo de reparto de cotas de pesca, tanto con iniciativas políticas como xudiciais, pero ambas vías non deron o resultado pretendido: a primeira porque cambiar o sistema esixe da unanimidade de todos os Estados membros, e os países que saen favorecidos nunca aceptan o cambio; a segunda, porque o Tribunal de Estrasburgo sempre rexeitou os distintos recursos que se presentaron.

Para o Partido Popular agora ábrese unha nova vía, unha nova oportunidade de acadar esta cambio, aplicando a filosofía que a propia Unión Europea estableceu para prohibir os descartes: Europa non quere que se devolva ao mar as capturas accidentais de especies sobre as que xa non dispoñemos de cota pero á vez, mantén un sistema de reparto que deixa cotas moi insuficientes para moitos países e outras que non son aproveitadas na súa totalidade.

REPARTIR AS COTAS SOBRANTES
Corrixir este desequilibrio é o obxectivo do PP e por iso Balseiro apunta que unha posible solución estaría en articular un sistema mediante o cal, poida permitirse repartir as cotas de pesca sobrantes entre aquelas flotas e países que xa esgotaron as que lle correspondían e precisan de cotas adicionais para poder seguir pescando.

Isto permitiría un aproveitamento pesqueiro máis ecuánime e xusto das posibilidades de pesca, é dicir, un aproveitamento moito máis eficaz e rendible do noso mar, evitando a perda de actividade e de empregos naqueles países como España, como Galicia, onde as cotas asignadas son moi inferiores á capacidade da nosa flota, todo iso como consecuencia dunha mala negociación no momento da nosa entrada na UE e da aplicación dun criterio de reparto fixo (o principio de estabilidade relativa) inmutable durante todo este tempo.

Exit mobile version