Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo Popular levará ao pleno da vindeira semana a toma en consideración da nova lei de actualización do sistema de transporte público de Galicia

Pedro Puy na rolda de prensaSantiago, 30 de maio de 2016.- O Grupo Popular proporá a inclusión na orde do día do Pleno da vindeira semana a toma en consideración da proposición de lei de medidas urxentes para a actualización do sistema de transporte público de Galicia, unha norma que permitirá asegurar a prestación deste servizo público con plenas garantías xurídicas. Ademais, o portavoz popular, Pedro Puy, anunciou que o PPdeG proporá a aprobación polo Pleno dunha declaración institucional de apoio aos traballadores en Galicia da multinacional Alcoa.

Puy sinalou que a proposición de lei do transporte público de Galicia “da resposta ás necesidades de modernización do sector do transporte público e de planificación dun novo sistema axeitado á evolución das necesidades da sociedade galega”.

Garante a prestación do servizo
Ademais, da resposta ao pronunciamento do Tribunal Supremo que anulou a ampliación dos prazos de vixencia das concesións do transporte público por estrada outorgadas acolléndose á Lei 5/2009, co que dos 145 contratos de transporte interurbano existentes en 2009, só 14 manterían a súa vixencia.

O portavoz popular salientou que este texto lexislativo “é froito do acordo acadado entre a Xunta e o sector para facer esta adaptación á normativa europea e ao cumprimento da sentenza do Tribunal Supremo que conleva dúas cuestións: darlle cumprimento á normativa comunitaria e garantir a prestación do servizo en Galicia”.

Neste sentido, salientou as peculiaridades do transporte público no eido rural, “onde os criterios sociais deben prevalecer sobre os criterios de rendibilidade económica”, ao tempo que sinalou “a necesidade de modernización dun sector que ten que adaptarse aos novos tempos”.

Plan de transporte público
A proposición de lei é un texto simple, de só tres artigos, no que destaca a posta en marcha do Plan de transporte público de Galicia, que ten como obxectivos facilitar a mobilidade das persoas, fomentar e potenciar o uso prioritario do transporte público, e facilitar a intermodalidade do servizo e a súa accesibilidade ás persoas.

Este Plan de Transporte deberá estar aprobado no prazo de 21 meses desde a entrada en vigor da lei, garantindo que os servizos públicos de transporte continuarán a ser explotados polos prestatarios actuais ata a adxudicación e implantación dos servizos establecidos neste Plan.

En relación co ámbito lexislativo, Puy informou que nin o proxecto de Lei da área metropolitana de Vigo nin o proxecto de lei de creación dos colexios provinciais de economistas tiveron emendas á totalidade, polo que a súa tramitación será máis áxil ao non ser preciso o seu debate en sesión plenaria e pasar directamente á súa tramitación en Ponencia e Comisión.

Pedro Puy tamén avanzou que o Grupo Popular proporá a aprobación no vindeiro pleno dunha declaración institucional en relación coa situación da empresa Alcoa e de apoio aos seus traballadores. “Consideramos fundamental que todos os grupos parlamentarios sexamos quen de ler esta declaración de apoio ao futuro das fábricas de Alcoa en Galicia, que dan traballo a arredor de 1.700 persoas”, apuntou.

Exit mobile version