Site icon Crónica3.com A Mariña

O grupo popular propón a aprobación dunha declaración institucional no Parlamento en apoio das fábricas e dos traballadores de Alcoa en Galicia

Santiago, 28 de maio de 2016.- O Grupo Popular proporá ao resto dos grupos parlamentarios a aprobación polo Pleno do Parlamento de Galicia dunha declaración institucional a través da que se solicita á multinacional Alcoa a promover o mellor futuro posible para as fábricas existentes na Comunidade galega e o mantemento dos postos de traballo.

A proposta de declaración institucional, que o Grupo Popular levará á Xunta de Portavoces o vindeiro martes, manifesta o interese e preocupación pola situación que está a atravesar Alcoa, logo do anuncio feito esta semana de que levará a cabo un proceso de reordenación das súas actividades a nivel nacional que inclúe a posible venda das súas dúas instalacións en Galicia.

Interese e preocupación
O Grupo Popular considera necesario que o Parlamento de Galicia poña de relevo a preocupación por estas informacións e os seus posibles efectos tanto a nivel de investimentos como do mantemento dos postos de traballo da empresa Alcoa en Galicia.

Deste xeito, ínstase á multinacional a promover o mellor futuro posible para as fábricas e a manter os arredor de 1.700 postos de traballo cos que conta na actualidade en Galicia. Así mesmo, apélase a Alcoa para que siga a demostrar o seu compromiso coa Comunidade galega e, especialmente, co conxunto dos traballadores que prestan servizos nas plantas de San Cibrao e A Coruña.

Por último, a proposta de declaración institucional incorpora unha solicitude ao futuro Goberno de España para que garanta a competitividade de todas as empresas electrointensivas, de maneira que facilite os investimentos industriais e a súa permanencia.

Exit mobile version