Lugo, 31 de maio de 2016.- O Grupo Provincial do PP asegura o importe preciso para facerlle fronte aos convenios de colaboración asinados cos concellos en virtude dunha moción que contou co apoio do deputado no adscrito. Nela, o PP instaba ao Goberno Provincial a que reteña do importe total do suplemento de crédito o necesario para facer fronte aos convenios de colaboración asinados con 18 concellos e cuxo importe supera os 2 millóns de euros.
Candia explicou que existe liquidez como para acometer estes convenios e dixo que “debemos dar exemplo de que somos unha institución seria e que cando se asinan os convenio se cumpren como se fixo na prórroga dos Orzamentos para garantir a compra do legado de Álvaro Gil e facer así fronte a ese compromiso”. Lamentou non contar co apoio do PSOE nin co do BNG, aínda que o acordo obriga ao bipartito a retirar ese crédito ata que se aproben os Orzamentos.
Os populares aceptaron unha emenda do grupo non adscrito por entender que complementa a proposta. Candia aproveitou para dicirlle ao Goberno: “Non confío en vostedes porque teño feitos que o acreditan, hai moitos concellos que teñen o convenio executado, a documentación presentada e estamos en maio e non pagaron un euro”.
A voceira ofreceu, novamente, a posibilidade de chegar a pactos que resolvan as necesidades desta provincia “sempre que queiran”. “Imos apoiar as iniciativas dos alcaldes sexan do partido que sexan mentres vostedes seguen paralizados. Os acordos que adoptamos son válidos e así o defenderemos”.
Candia ofreceuse a colaborar; “facemos propostas construtivas e ofrecementos para chegar a acordos e a pesar dos intentos maquiavélicos de responsabilizar a este grupo de non ter Orzamentos viñemos aquí facendo o mesmo ofrecemento de diálogo, pero non saben o que queren”. A popular rematou a intervención acusando ao bipartito de non ser capaces de gobernar.
O PP logra a creación dun ente provincial de turismo
O Grupo Provincial do Partido Popular logrou o compromiso da Deputación de Lugo para crear un ente provincial de turismo que aglutine aos catro xeodestinos, ás administracións locais, ás entidades privadas e as distintas forzas políticas e coordinar así accións conxuntas en materia turística.
O voceiro dos populares congratúlase do apoio unánime á iniciativa dos populares que tiña por obxectivo “a creación dunha ferramenta a través da que traballemos conxuntamente na liña de poñer en valor e darlle un pulo ao enorme potencial turístico que ofrece a provincia”. Armesto pediulle ao Goberno “una acción inmediata, que esta proposta en positivo non quede no tinteiro, actuando con responsabilidade e logrando resultados bos para toda a provincia”.
Melloras na rede viaria provincial
O Grupo Provincial do PP sacou adiante unha moción para que a Deputación de Lugo cumpra coa súa responsabilidade e manteña en bo estado e, polo tanto, acometa tanto as labores de conservación ordinarias como as de ampliación e melloras necesarias na estrada LU-P-0204 que comunica Carrocide, por Arnela a Tremoal, no concello de Alfoz, e na LU-P-2801 de Santo Tomé, por San Adriano e Augaxosa ao Mazo, no tramo das Rodrigas (enlace LU-124) – Augaxosa (límite con Lourenzá), no municipio de Riotorto.
O deputado José Manuel Yanes Ginzo lamentou o voto en contra de PSOE e BNG dos que dixo “da a sensación de que non coñece a provincia nin a rede viaria”. Aproveitou ademais para demandar un estudo profundo das necesidades a nivel provincial para establecer unhas prioridades en base ás características das estradas e ao seu estado.
Contar coa opinión dos implicados
Os populares agradécenlle ao Goberno provincial que deixe sobre a mesa, tal e como lle demandaron, a proposta de Ordenanza do Servizo de Teleasistencia Social no Fogar co compromiso de que se conte para a súa elaboración coa opinión dos traballadores socias dos concellos e co parecer da Xunta, como así comprometera o Goberno do PP cando comezou a traballar na súa redacción.
Apoio ao galego
O Grupo Provincial do Partido Popular apoiou a Ordenanza de uso da Lingua Galega presentada polo equipo de Goberno facendo fincapé na necesidade de que o texto cumpra coa Lei e teña en conta a sentenza ao respecto que emitiu o TSXG. “As normas máis importantes da historia do galego foron aprobadas por gobernos do PP”, explicou o deputado Francisco Balado, quen explicou que non será o seu partido o que converta o idioma nunha arma de confrontación política.
Un gasto de 6.000 euros que non se xustifica
O Grupo Provincial do PP votou en contra da proposta de integración da Deputación na Asociación Española de Municipios de Montaña ao considerar que só canaliza o 5% dos concellos a nivel nacional e só o 3% dos autonómicos que estarían en disposición de poder asociarse. Ademais os populares consideran que os 6.000 euros que supuña a integración representa unha cota que non se xustifica.
O deputado criticou tamén que en febreiro deste mesmo tiveron que modificar os estatutos da asociación “para que se puideran adherir as Deputacións, pois ata ese momento non podían. Agora mesmo só hai catro Deputacións adheridas o que nos indica que quizais é unha asociación que non da canalizado o municipalismo tanto provincial como local”.
O BNG propón incumprir a Lei
O PP votou en contra da moción do BNG para paralizar a aplicación da LOMCE ao considerar que a iniciativa alenta a que se incumpra a lei. José Antonio García apuntou que “esta é unha moción alucinante e ridícula na que se propón que se incumpra a Lei, e isto é o que lle estamos ensinando aos rapaces”. Están demonizando unha lei como é a LOMCE que aposta pola mellor autonomía dos centros, buscar os itinerarios dende unha idade formativa incipiente que vaian de cara ao futuro para que os nenos poidan incorporarse ao mundo laboral, apóstase polo inglés como 3ª lingua nos lugares onde haxa unha segunda lingua e incorporar materiais de novas tecnoloxías, isto é LOMCE que tanto demonizan vostedes”.
Vía Küning
O PP abstívose na moción do deputado non adscrito para recuperar a variante do Camiño Frandes ‘Vía Küning’ ao considerar que non está acreditado legalmente que esta sexa unha variante legal do Camiño Francés. José Antonio García apuntou que “ cando se acredite por parte dos órganos competentes da Xunta e da Consellería de Cultura que legalmente estes vestixios enmarcan un carácter histórico desta variante entenderemos que nese momento teña a promoción por parte desta Deputación”.
Por último, o PP apoiou a moción o do deputado non adscrito relativa á posta en marcha da administración electrónica.