Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo Provincial do PP propón que a Deputación presente unha declaración institucional sobre o futuro das plantas de Alcoa

Lugo, 30 de maio de 2016.- O Grupo Provincial do Partido Popular pídelle á Deputación de Lugo que en lugar de presentar unha moción no Pleno deste martes sobre o futuro das plantas de Alcoa se chegue a un acordo para aprobar unha declaración institucional da Corporación, como o están facendo outras administracións, entre elas o Parlamento de Galicia.

Os populares consideran que a declaración institucional é resultado dun acordo entre todos os partidos, o que demostra unidade, o que todos os traballadores de Alcoa e a sociedade da Comarca e a provincia no seu conxunto agardan dos seus responsables políticos.

Por iso, o Grupo Provincial do PP demándalle ao equipo de Goberno que substitúa a moción que presentaron por unha declaración institucional que conte co apoio de todos os membros da Corporación e na que se manifeste a importancia da continuidade das factorías, nomeadamente a da Mariña, e dos postos de traballo que xera, así como o seu apoio explícito aos traballadores.

O PP pide ademais que nesa declaración se manifeste o interese e preocupación da institución provincial e de todos os seus deputados e deputadas pola situación que atravesan as plantas de Alcoa, nomeadamente en Galicia e con especial mención á de San Cibrao, na Mariña. O texto debe ocuparse ademais polos efectos que esta situación pode ter sobre os investimentos e a permanencia dos postos de traballo.

Exit mobile version