Site icon Crónica3.com A Mariña

O Kayak de Foz participa este fin de semana na Copa España Cadete 1000 m e no III Campionato de España infantil 3000 m.

fotonoticia_20160505153459_1280Foz, 5 de maio de 2016.- Este venres á primeira hora da madrugada a expedición do Club Kayak de Foz partirá cara a Sevilla para participar en dúas competicións encadradas dentro da XV Liga Nacional de Novas Promesas Aguas Tranquilas: a Copa de España “JJ.PP.” Cadete 1000 metros e o III Campionato de España Infantil 3000 metros. Esta competición vaise celebrar os días 7 e 8 de maio no CEAR da Cartuxa e reunirá a máis de 700 deportistas de máis de 70 clubs procedentes de 14 comunidades autónomas.

Para estas dúas competicións, o Club Kayak de Foz despraza a tres padeeiros: o infantil B Sergio Rubio Pacios, o infantil A Francisco Rubio Pacios e o cadete B Xoel García Neira, sendo estes dous últimos os padeeiros de maior proxección a nivel estatal do club.

O sábado pola mañá dispútase a Copa de España de Cadetes. Xoel García Neira, grazas aos seus bos resultados nesta Liga Nacional sáltase as contrarreloxo de primeira hora da mañá, pasando directamente ás semifinais a partir das 10:40 horas. Unha vez pasadas as semis, a partir das 11:50, darase a saída ás finais para home K1 cadete. Esperemos que Xoel poida estar na pelexa polas medallas. Desde aquí desexámoslle toda a sorte do mundo.

O domingo é a quenda para os infantís coa disputa do III Campionato de España Infantil sobre a distancia de 3000 metros. Neste campionato, o club focense ten inscritos a dous deportistas: Sergio Rubio Pacios na categoría infantil B e a Francisco Rubio Pacios na categoría infantil A. Ás 10:30 horas disputarase a final da categoría Home Infantil B K-1 e ás 12:00 será a quenda do final Home Infantil A K-1. Do mesmo xeito que o seu compañeiro Xoel, Fran ten moitas opcións de quedar entre os 10 primeiros e quizais, pelexar por unha das medallas en xogo. Moita sorte a ambos.

Exit mobile version