Site icon Crónica3.com A Mariña

O Parlamento galego aproba demandar ao Goberno central que os gardacostas poidan beneficiarse dos coeficientes redutores

Santiago, 3 de maio de 2016.- O Parlamento de Galicia aprobou unha iniciativa do Grupo Popular pola que se reclama ao Goberno central que impulse as medidas e reformas normativas necesarias para incluír o cadro de persoal dos Gardacostas de Galicia no Réxime Especial dos Traballadores do Mar ou, en todo caso, garantir que estes poidan beneficiarse da aplicación dos correspondentes coeficientes redutores.

A medida, segundo explicou o autor da iniciativa e voceiro do Mar dos populares galegos, Jose Manuel Balseiro, busca permitir que os traballadores de Gardacostas poidan adiantar a súa xubilación con respecto a idade xeral, ao igual que acontece con outros profesionais do eido marítimo-pesqueiro, en consideración ás circunstancias especialmente perigosas e penosas nas que desenvolven a súa actividade laboral diaria.

Demanda dos profesionais
O Grupo Popular trasladou á Cámara galega as demandas dos traballadores deste servizo encargado da atención das emerxencias e salvamento, inspección marítima e protección ambiental, que lle fixeron chegar a través de diversos encontros que os populares galegos mantiveron nas pasadas datas.

A iniciativa popular prosperou grazas á maioría absoluta do Grupo Popular pero coa abstención de socialistas e de Alternativa Galega de Esquerda e co voto en contra do BNG, que desoíron as peticións dos profesionais deste servizo.

Trescentos traballadores
Gardacostas de Galicia dispón dun cadro de persoal próximo aos 239 profesionais que desenvolven a súa actividade tanto nos servizos centrais como nas distintas localidades costeiras onde teñen a súa sede estes servizos, isto é, as unidades operativas de Celeiro, Ferrol, Coruña, Muxía-Portosín, Ribeira, Vilaxoán, Pontevedra e Vigo.

Exit mobile version