Site icon Crónica3.com A Mariña

O PPdeG traslada aos gardacostas de Galicia o acordo do Parlamento para que o Goberno central permita adiantar a xubilación destes traballadores

Viveiro, 4 de maio de 2016.- Os voceiro do mar do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, acompañado dos deputados no Parlamento galego Vidal Martínez Sierra e no Congreso Jaime de Olano, mantiveron este mércores un novo encontro cos traballadores do Servizo de Gardacostas de Celeiro para render contas dos compromisos adquiridos con este colectivo en pasadas xuntanzas.

O PPdeG comprometeuse a trasladar á Cámara galega as principais demandas profesionais dos gardacostas que, a iniciativa do Grupo Popular, lograron verse reflectidas en sendos acordos parlamentarios que constitúen un mandato ás distintas administracións.

Este foi o caso do acordo acadado onte na Comisión de Pesca e Marisqueo do Parlamento de Galicia, que pediu ao Goberno central que adiante a idade de xubilación dos gardacostas de Galicia, equiparando a este colectivo co resto dos profesionais do mar que xa poden acollerse aos coeficientes redutores.

Con anterioridade, no pasado mes de abril, a Cámara galega tamén aprobaba outorgar o máximo recoñecemento institucional, tanto a nivel institucional como colectivo, ao persoal de gardacostas de Galicia tras 25 anos de servizo público. Un recoñecemento que agora corresponde materializar e determinar ao Goberno galego.

REPROBACIÓN Á OPOSICIÓN
O deputados populares foron moi críticos cos grupos da oposición, aos que reprobaron a súa actitude tras non apoiar ningunha destas demandas a pesar de constituír reclamacións laborais dos traballadores de gardacostas.

Neste sentido, Balseiro indicou que “non sorprende este comportamento dos grupos da oposición, que parecen molestos porque sexan outros os que leven a iniciativa”, ao tempo que lembrou que “está a ser unha estratexia xeneralizada de nacionalistas e socialistas intentar boicotear calquera acordo impulsado polo Grupo Popular, aínda que sexa beneficioso para os profesionais do mar”.

“Sería moito máis efectivo que estas demandas contasen co apoio unánime do conxunto das forzas políticas á hora de facelas valer ante o futuro Goberno central, sexa da cor que sexa”, indicou.

COMPROMISOS DA XUNTA
No que respecta aos compromisos que son competencia directa da Xunta, Balseiro adiantou que hai vontade firme tamén da Consellería por crear na futura relación de postos de traballo as prazas de segunda actividade, xa contempladas na Lei vixente (que en ningún caso superarán o 5 por cento do total)

Ao mesmo tempo, incluirase na futura OPE o proceso de consolidación das prazas de persoal interino dos Gardacostas cos requisitos que estableza a lei (limitado ao número máximo que cada ano indique a propia OPE).

Exit mobile version