Site icon Crónica3.com A Mariña

O proxecto da Xunta “Cultura no Camiño” inicia en Trabada unha andaina que levará 15 espectáculos aos concellos da Mariña

Lugo, 28 de maio de 2016.- A actuación musical Ao encontro de Martín Códax, de Xoan Curiel, abrirá este sábado en Trabada a programación da cuarta edición de Cultura no Camiño na comarca da Mariña.

Este ambicioso proxecto, promovido pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e Turismo de Galicia, percorrerá con 14 espectáculos máis os concellos mariñáns da ruta do Norte ao longo dos vindeiros meses, xirando polos municipios de Barreiros, Lourenzá, Ribadeo e Trabada.

O obxectivo do programa é incentivar a distribución de produtos culturais galegos nos diferentes concellos vinculados ao Camiño de Santiago e facer chegar a cultura á cidadanía mediante eventos e actividades culturais. Deste xeito, promociónase a cultura galega e deslocalízase a oferta cultural para procurar un desenvolvemento equilibrado no conxunto de Galicia.

Ademais do espectáculo que inaugura hoxe o programa na comarca, en Trabada levarase a cabo unha actuación musical de Xoan Curiel, o día 17 de xuño, e o espectáculo de novo circo Peor Imposible, de Peter Punk, o 12 de agosto.

A Barreiros, Cultura no Camiño chegará o vindeiro 19 de xuño coa función teatral D.E.P. (Descansa en paz), de Malasombra Producións. Máis adiante, o espectáculo de maxia Máxico circus cabaret, de Cayetano Lledó, que terá lugar o 3 de xullo, e a obra de teatro infantil Laia, aprendiz de maga, de Animar-T, o día 5 de agosto, completarán a programación neste concello.

E o 24 de xuño, o proxecto chegará á Lourenzá co espectáculo de maxia Onde está o mago Antón?, de Creacións Máxicas e Audiovisuais. Na localidade tamén se representará a obra teatral Memorias das memorias dun neno labrego, de Contraproduccións, o 9 de xullo, e o 23 dese mesmo mes rematarase co espectáculo musical Zaragallada, da Banda Migallas.

En Ribadeo, o programa cultural desembarcará o 6 de xullo coa actuación musical Uxía Lambona e a Banda Molona, de Troula Animación, e proseguirá o 13 de xullo co espectáculo de novo circo Un día no circo, de Pistacatro productora de soños, e a obra de teatro infantil Contos de medo que deixan durmir, de Caxoto Contacontos, o 27 de xullo.

Exit mobile version