Site icon Crónica3.com A Mariña

Oda á subversión fiscal

CON PÓLVORA E MAGNOLIAS. Samuel Butler foi un escritor iconoclasta victoriano que acuñou a seguinte cita:

“Moita xente non pode nin emanciparse, é dicir, non pode nin darse conta da escravitude na que lle manteñen as ideas no medio das cales foi educado.”

Totalmente apropiada e intencionadamente traída a este artigo, servirá de pivote ao axioma que pretendo amosar. O sometemento último dunha clase ou grupo social determinado non acontece por imposición expresa, non se acada a través de medios violentos; pode que ao principio así sexa, pero a vitoria definitiva chega cando o escravo asume como propios os intereses do seu amo.

O pensamento hexemónico instaurase a través das canles habituáis: educativa, secular e mediática/propagandística. Unha vez arraigado os súbditos prefiren vivir baixo a seguridade das cadeas que asumir o prezo da liberdade.

E algo así debe de estar a pasar na sociedade actual cando un escoita a cotío a manida afirmación:

“Todos somos responsables da fractura social que estamos a vivir, empezando polo fontaneiro que nos ofrece a posibilidade de pagar ou non o IVE, e de nós mesmos que asumimos non facelo.”

Cando, no medio dun sistema fiscal absolutamente desproporcionado e regresivo, onde toda a presión se concentra nas rendas do traballo, alguén se apropia de tal afirmación é que xa está totalmente somatizada a enfermidade.

Para mostra un botón: esta semana temos coñecemento de que Facenda obrigará a tributar por IRPF aos preferentistas que, tras vencer á entidade finaceira en sede xudicial, se lles recoñeceu o dereito ás costas procesuais –gastos xudiciais ocasionados como consecuencia de litigar de xeito temerario que han de ser asumidos pola entidade bancaria-.
O que pode parecer unha anécdota é unha mostra exacta de como a Administración é un instrumento coercitivo das clase dominantes.

Por iso o presente artigo constitúe unha apoloxía responsable á insubordinación fiscal e a este xeito de des-goberno, porque confío na capacidade cidadá para desobedecer leis formalmente axeitadas e manifestamente inxustas. Na parte do Código Civil relativa ás obrigas e contratos establécese a vixencia dos mesmos sempre e cando se baseen no libre consentimento, na vontade lexítima das partes de poder decidir e obrigarse con respecto ao seu contido. ¿Non debera consistir iso que chamamos democracia en poder elixir, en escoller? ¿Constitución? –Cada xeración deberá ter a súa- ¿Sistema fiscal? ¿Administrativo? ¿Modelo de estado? ¿Sistema educativo?¿Lei electoral?… todas e cada unha das estancias que configuran esta casa común.

Exit mobile version