Site icon Crónica3.com A Mariña

Os populares aspiran a converter Á Mariña na “oitava gran cidade de Galicia” potenciando o sector primario, a industria, as infraestruturas, o turismo e os servizos públicos

ponentesViveiro, 13 de maio de 2016.- O presidente do Comité Organizador do Congreso Comarcal do Partido Popular na Mariña, Antonio Basanta, explicou que a avogada Mercedes Rodríguez Moreda e o deputado no Congreso, Jaime de Olano, serán os encargados de presentar sendos comunicados que definirán a folla de ruta dos populares mariñáns nos vindeiros meses.

En concreto, serán dous os relatorios que se farán público este domingo durante a primeira parte do Congreso comarcal que o PP da Mariña celebra a partir das 10:30 horas no Teatro Pastor Díaz de Viveiro: o primeiro deles, elaborado por Mercedes Rodríguez, en relación coa importancia dos sectores primarios e, en segundo lugar, o que redactou Jaime de Olano, baixo o título de “A Mariña Cidade Lineal”.

Segundo recollen os manifestos os populares aspiran a medio prazo a converter á Mariña “na oitava gran cidade de Galicia”, a través do impulso e potenciación do sectores primarios, da industria, das infraestruturas, dos servizos públicos e do turismo. O comunicado di que para facer posible este obxectivo hai que promover un desenvolvemento conxunto, conxugando as singularidades propias de cada municipio, que sempre defenderán, cunha aposta unitaria -ordenada sobre estes cinco eixos- que sustentan o futuro da comarca, e que ofrecen un novo horizonte de oportunidades.

PESCA, AGRICULTURA, SECTOR FORESTAL
Entre os obxectivos do PP atópase continuar apoiando aos sectores estratéxicos da economía comarcal: o pesqueiro, o agrario e o forestal, ata o punto de reivindicar que a súa defensa “está no ADN dos populares” o que esixe reforzar a implicación para superar os desafíos que estes tres ámbitos teñen que afrontar no futuro.

Os populares apostan por facer valer as súas propostas, no ámbito pesqueiro, agrogandeiro e forestal, sempre da man do sector, para que as futuras regulacións –especialmente a nivel comunitario- teñan en conta as particularidades e os retos propios de Galicia.

Destacan tamén os populares o carácter animoso dos emprendedores mariñáns como sinal que os diferencia e identifica dentro de Galicia. Así salienta que os empresarios da Mariña apostan en especial por proxectos a longo prazo que unha vez consolidados teñen o seu reflexo nas principais magnitudes que amosan a situación do sector, en vantaxe con respecto a outros territorios.

Na actividade pesqueira foron máis de 40.753 toneladas de pesca fresca a desembarcada nos peiraos lucenses en 2015, deixando unha facturación inicial de 127 M€, que despois suma 100 M€ adicionais grazas ás empresas de transformación e comercialización. Tamén hai que destacar a importancia da facturación da produción acuícola realizada na provincia, que supera os 30 M€. O sector forestal en A Mariña é punteiro ata o punto de que nesta provincia realízanse o 40% das cortas totais de Galicia, sendo significativo o peso do sector en concellos mariñáns. E no ámbito lácteo destacan que as explotacións leiteiras da comarca ofrecen rendementos medios superiores aos doutras zonas, sen negar as dificultades, e sinalan a importancia de potenciar produtos de calidade diferenciada como a IXP faba de Lourenzá.

IMPORTANCIA DO SECTOR INDUSTRIAL
No ámbito industrial os populares salientan que na Mariña aséntanse cinco das 10 empresas más importantes da provincia o que supón que só esta comarca xera o 30% do PIB lucense.

Nesta liña poñen en valor a importancia da posta e marcha de infraestruturas como o Gasoduto que implicou un investimento conxunto que supera os 26M€ e que ofrece grandes oportunidades competitivas para empresas como Alcoa pero tamén, grazas ao desenvolvemento da rede de distribución a fogares e pequenas empresas, con acceso a enerxía máis barata e limpa.

Desde o PP reclaman continuar desenvolvendo medidas en positivo dirixidas a micropemes e comercio, que constitúe o outro gran polo industrial da Mariña, con iniciativas de apoio e acceso a solo industrial, liñas de financiamento preferente e promoción comercial conxunta.

O GRAN RETO: MELLORAR E COMPLETAR AS INFRAESTRUTURAS
Como un novo complemento para competitividade do sector empresarial o PP anima a redobrar esforzos no ámbito das infraestruturas e sinalan a necesidade de potenciar os investimentos non só no remate de novas vías como o corredor costeiro ou o acceso ao porto de Burela, senón tamén en obras de mantemento e conservación, para crear unha auténtica rede de vertebración que poña fin ás dificultades que se atopan neste ámbito. Insisten en destacar que deben incrementarse os esforzos neste ámbito con novos recursos procedentes da mellora da economía, e pide un esforzo adicional ao Ministerio de Fomento e á Consellería de Infraestruturas.

SERVIZOS PÚBLICOS E TURISMO
Finalmente, e respecto do sector público o PP centra a súa atención estratéxica na obra de ampliación do Hospital da Costa, unha histórica aspiración, e un compromiso do Presidente da Xunta que se materializará este verán, co inicio das obras, logo dun longo proceso técnico e administrativo que se impulsou ao longo dos últimos anos.

Os populares non se esquecen tampouco da a creación de novos servizos como a sala de tratamentos oncolóxicos ou a unidade de hospitalización a domicilio, xunto a outras melloras tecnolóxicas e en infraestruturas sanitarias (ecógrafos, segunda sala de laparoscopias,..). Destacan tamén a importancia de poñer en servizo as novas residencias e gardarías.

No ámbito turístico apostan por seguir impulsando A Mariña como xeodestino, e por esforzarse na difusión das maiores feiras, festas e eventos de interese autonómico, nacional e internacional, así como de exaltación de produtos gastronómicos, por ser un novo atractivo que sume turismo a unha comarca privilexiada polos seus areais (coa praia das Catedrais como buque insignia), igrexas, sendas e paisaxes.

Exit mobile version