A Pontenova (Lugo), 13 de maio de 2016.- O Tenente de Alcalde da Pontenova, Francisco Martínez, asegurou hoxe que quen paralizou o eólico de Frades foi o Partido Popular de Núñez Feijoo e de David Álvarez.
Martínez fixo esta afirmación tras coñecer que o Consello da Xunta autorizou a construción deste parque eólico na localidade luguesa. O Tenente de Alcalde amosa a súa satisfacción e a de todo equipo de Goberno da Pontenova pola aprobación deste proxecto, pero critica “que a día de hoxe o Partido Popular segue tendo paralizados outros dous eólicos no Concello, o de Neipin e o de Chao da Grande“.
Nese senso emprazou ao PP “a non dar leccións de xestión, xa que como se pode comprobar, na Pontenova aínda teñen moito traballo por facer”. Ademais envioulle unha mensaxe ao voceiro local do PP “o Goberno da Pontenova traballa diariamente para administrar os recursos dos nosos veciños con equidade e optimizando os nosos recursos, pero para facelo hai que gobernar señor Álvarez”.
Por último asegurou que espera que no menor tempo posible sexan autorizados os dous eólicos que quedan pendentes.