Site icon Crónica3.com A Mariña

Pensamento e Sementeira participa xunto con outras asociacións e institucións na “Volta pola Irmandade”

ORA001_Bus3Viveiro, 20 de maio de 2016.- O colectivo viveirés PENSAMENTO E SEMENTEIRA está a organizar en Viveiro a visita da exposición itinerante sobre as Irmandades da Fala que viaxa nun autobús de dous andares por todo o país. Esta exposición, que estará en Viveiro o domingo 29 de maio, vai ser completada con actividades que o colectivo dará a coñecer nos vindeiros días.

A iniciativa de ORA GALEGA explica na páxina www.ifala.gal que “no ano 1916 tiña lugar, na cidade da Coruña, un feito de grande transcendencia no decorrer cultural e político da Galiza. A comezos dese ano lanzábase a idea de constituír unha asociación cuxo primeiro nome, suxerido por Aurelio Ribalta e Antón Villar Ponte, respondía á denominación de Liga de Amigos do Idioma Galego. Poucos meses despois, o dia 18 de maio, na Real Academia Galega, fundábase unha entidade que recibiu o nome de Irmandade dos Amigos da Fala, a cal, en moi pouco tempo, pasou a se coñecer como as Irmandades da Fala, cuxo obxectivo básico era a defensa, o pulo e o espallamento do idioma galego para, posteriormente, se constituír como unha plataforma en prol da lingua, a cultura e a identidade galega”.

“Agora, ao se cumpriren 100 anos daquel acontecemento, a iniciativa ORA GALEGA desexa conmemorar ese centenario cunha Volta pola Irmandade. Unha exposición itinerante que leva o nome de iFala, en homenaxe ao conxunto de homes e mulleres que hai cen anos traballaron para incrementar a nosa autoestima, para defender a lingua, a cultura e a identidade galegas, para conseguir a igualdade de dereitos para a muller e para atinxir a soberanía estética, cultural e política da Galiza”.

Exit mobile version