Para os traballadores o traslado é de feito un despido encuberto de gran parte do persoal de Celeiro, de persoas que levan toda a vida traballando en Celeiro e non poden trasladarse a Bueu. A empresa, aproveitando a reforma laboral e sabendo que a fábrica de Bueu, en realidade, non ten capacidade de acoller a todo o persoal de Celeiro, poderá aproveitarse da figura do despido por causas organizativas.
A secretaria de Equidade e Xustiza Social de Podemos Galicia, entende que a Xunta de Galicia, que beneficiou con subvencións a esta empresa, “ten a obriga de velar polo emprego na Mariña, e porén está a dar as costas aos traballadores”. Tamén teme que podan existir intereses especulativos ante as sospeitas de recalificación urbanística dos terreos da empresa por parte do goberno municipal de Viveiro.
Na Mariña lucense, onde o paro é superior a media galega e intensifícase cada vez máis, o peche desta fábrica, por intereses empresariais, non fai máis que agudizar a situación de precariedade das familias afectadas que non deixan de reclamar un futuro laboral para a súa comarca.