Antonio veiga sinalou que “esta Xornada de Urbanismo pretende aclarar a cidadanía de como lles afectará a aprobación da nova Lei 2/2016 do Solo de Galicia e intentará dar resposta a través dos diversos relatores, ben sexan arquitectos ou xuristas de recoñecido prestixio de interrogantes coma cal será o futuro das explotacións e instalacións de apoio a actividade agropecuaria ou que actuacións deben acometer os concellos ante as novas competencias asumidas no ámbito das autorizacións en solo rústico”, neste senso o Vicepresidente afondou en que “unha Lei do Solo non debe provocar unha inseguridade xurídica e por outra banda debe ser quen de protexer o territorio o mesmo tempo que facilita a actividade agraria, debe por fin a especulación e favorecer a rehabilitación”.
O Deputado- Delegado da Área de Cooperación e Asistencia aos Concellos remarcou que unha Lei do Solo ten que dar solución de forma clara e estrutural a problemática da regulación das diversas explotacións agrarias así como a totalidade das edificacións existentes no chan rústico, as segregacións ou os casos que quedan fóra de ordenación, neste senso indicou que a nova lei 2/2016 nace morta posto que recupera o modelo de regulación liberalizador que tanto dano medioambiental e social creou no País ao tempo que non se preocupa do futuro do sector agropecuario, deixando en precario e atados de pés e mans a milleiros de titulares de explotacións agropecuarias que verán un novo atranco nas súas proxeccións de futuro.
Finalmente Antonio Veiga convidou a unha participación masiva das persoas e colectivos vinculados o sector primario, especialmente ao sector agropecuario, pois “desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo queremos escoitar tamén a voz dos moitas veces silenciados gandeiros e labregos, para que podan trasladar ós relatores as súas dúbidas e tamén para dar conta das súas necesidades específicas”.
Pablo Rivera explicou que a Lei do Solo vai supoñer un impacto importantísimo en moitos Concellos, xa que é un dos elementos que cuestiona é que as administracións públicas , e os propios promotores, poidan quedarse co 100% do aproveitamento urbanístico en lugar de ceder o 10% aos propios Concellos en chan urbanos non consolidados. E no que se refire aos urbanizables, cando se trata de desenvolver vivendas de protección ou financiar infraestruturas.