Site icon Crónica3.com A Mariña

Programación especial en RadioFoz en homenaxe a Manuel María

Foz, 16 de maio de 2016. A Concellería de Cultura de Foz a través da radio municipal RadioFoz (107.4 FM) organiza para este martes, 17 de maio, unha programación especial en homenaxe ao escritor e poeta Manuel María.

A edil de Cultura, Silvia Blach, anuncia que “durante máis de seis horas RadioFoz emitirá unha selección de intervencións e testemuñas, un material divulgativo de normalización e dinamización lingüística, sobre a vida e obra literaria do escritor chairego recoñecido polo seu compromiso absoluto coa cultura, coa sociedade e co idioma”.

Silvia Blach engade que “contaremos coas intervencións de Suso Fernández (Suso do Bahía). cronista oficial e fillo predilecto de Foz. ademais de amigo persoal de Manuel María; Moncho Ermida, representante da asociación cultural A Pomba do Arco; Alberte Ansedes, xerente da Fundación Manuel María; e a viúva do intelectual, Saleta Goi”.

A concelleira de Cultura focense salienta que “nesta actividade de difusión do legado do poeta homenaxeado contaremos coa inestimable colaboración da comunidade educativa mariñán, representada polo Colexio Martínez Otero e o CEIP número 1 de Foz”.

Blach subliña que “Manuel María foi un dos autores máis musicados das nosas letras e ao longo da programación emitirase un bloque especial na lembranza de Arcadio Mon, recentemente falecido e alma mater da Escola de Música Municipal, que nun dos seus últimos traballos musicais versionou poemas do escritor chairego”.

A edil de Cultura de Foz di finalmente: “lembrade, o martes 17 de maio sintonizade RadioFoz, no 107.4 FM, para escoitar o programa especial Letras Galegas 2016 en homenaxe a Manuel María”.

Exit mobile version