Site icon Crónica3.com A Mariña

Redeiras, con moito mérito

As redeiras galegas reciben a Medalla de ouro ao Mérito Profesional. Todo un recoñecemento a un dos oficios máis antigos da Galicia mariñeira. O Boletín Oficial do Estado publicaba este sábado o Real Decreto que oficializa esta condecoración, a proposta da Ministra de Emprego e previa deliberación do Consello de Ministros.

Sen dúbida estamos ante unha distinción que recompensa o excepcional traballo que desde fai máis dunha década desenvolve o principal colectivo que as agrupa en Galicia: a Federación de Redeiras Artesás O Peirao, onde día a día traballan no obxectivo de acadar o recoñecemento da igualdade de dereitos nunha actividade que non estaba considerada profesionalmente como merecía.

Nas súas mans, fabrican e poñen a punto as redes de pesca, unha profesión de gran tradición na que prima a artesanía e o xénero feminino. Son o primeiro eslabón dunha longa cadea, a do sector marítimo pesqueiro, que constitúe todo un símbolo do patrimonio cultural de Galicia, pero tamén o exemplo máis evidente, do esforzado traballo que o mar esixe.

Ao longo dos últimos anos o colectivo profesional das redeiras artesas de Galicia ten acadado, co apoio da Administración, importantes avances en materia de formación, no obxectivo de avanzar na diversificación profesional da súa actividade, na mellora da comercialización dos produtos que elaboran e explorado novos camiños para expresar tanto talento galego.

Quedan pasos por dar, como puiden coñecer nos distintos encontros que mantiven coa dirección da Federación galega ao longo dos últimos anos, na miña condición de voceiro do Mar dos populares galegos: combater o intrusismo, fomentar a prevención de riscos laborais e acadar a posibilidade de acceso aos coeficientes redutores por xubilación.

Oxalá a honra desta distinción poida complementarse máis pronto que tarde con novas decisións en apoio das demandas que merecen recibir estas profesionais. Pero hoxe, máis ca nunca, felicitamos e poñemos un pouco do noso corazón e recoñecemento ante o traballo dunhas profesionais que fan fácil o máis difícil: sen deixar de beber da tradición e a través do seu esforzo e perseverancia, da innovación e da colaboración con outras disciplinas, son quen de reinventarse cada día.

Exit mobile version