Site icon Crónica3.com A Mariña

Son Viveiro pregunta pola relación entre o Concello de Viveiro e a empresa organizadora do Resurrection Fest

O Grupo Municipal de SON VIVEIRO vén de formular unhas preguntas para seren incluídas na orde do día do Pleno do día 1 de xuño no Concello de Viveiro respecto ás entradas coas que, anualmente, a empresa que organiza o Resurrection Fest agasalla ao goberno municipal.

“A colaboración entre o goberno local e a empresa privada que organiza o evento debe ser o máis estreita posible -dada a importancia que o festival musical en cuestión ten para a nosa cidade- pero sen chegar o converterse en oficina de colocación; isto último ocorre na actualidade, pois dende o 12 de maio os currículos daquelas persoas que opten a prestar servizos no acontecemento -que os vindeiros 7, 8 e 9 de xullo celebrará en Viveiro a súa XI edición-, son recollidos por persoal municipal.

A mellor forma de apoiar estes eventos pasa polo aboamento do importe da entrada no despacho de billetes”, manifesta o concelleiro Marcos Besada.

Anualmente, a empresa promotora do Resurrection Fest pon a disposición da alcaldía un importante número de entradas que son repartidas entre persoas achegadas e simpatizantes, servindo, segundo SON VIVEIRO, para reforzar o poder do goberno municipal en base a un uso indebido do seu cargo.

“A rexeneración da política -conclúe Besada- debe comezar pola administración máis próxima; entendemos que ningún concelleiro ou concelleira debe contar con privilexios, e con maior motivo ao existir multitude de habitantes do noso municipio que carecen da oportunidade de asisitir a este tipo de eventos por falta de medios económicos, polo que a coalición viveirense que represento desexa coñecer a resposta da Sra. Alcaldesa e o seu equipo de goberno ás seguintes cuestións:

1. Cantas foron as entradas recibidas polo grupo de goberno e doadas pola organización do festival o ano pasado?

2. Cal foi o fin ao que se destinaron as mesmas?

3. Pensan nesta ocasión rexeitar as invitacións se se reitera a oferta de agasallo de pases?”.

Exit mobile version