Site icon Crónica3.com A Mariña

Son Viveiro rexistra unha moción propoñendo a reunificación dos mercados ambulantes

Viveiro, 2 de maio de 2016.- Para o pleno deste mes de maio, o Grupo Municipal SON VIVEIRO rexistrou unha moción na que propón a reunificación dos mercados ambulantes e unhas directrices para a regulación dos mesmos. Búscase impulsar e dignificar as feiras locais, en especial ás persoas produtoras da comarca.

Segundo o seu portavoz, Marcos Besada, a delicada situación económico-social actual de falta de oportunidades, traballos mal remunerados e despedimentos inxustos propicia, entre outros factores, que haxa xente que volva a pensar no rural como posible saída a ditos problemas. E, aínda que hai quen o contempla como una axuda complementaria para a súa economía, outras persoas valórano como un proxecto vital de emprendemento no campo, con todas súas vantaxes e inconvenientes.

A mestura de postos ambulantes, sen ningún tipo de xeito nin orde, é frecuente no noso mercado, feito que dá lugar a unha clara desigualdade entre profesionais e afeccionados, así como unha aspecto de indignidade e abandono que non axuda para nada na valorización do potencial do noso medio rural, manifesta Besada.

Lonxe de pretender perseguir ás vendedoras e aos vendedores non profesionais, no Grupo Municipal SON VIVEIRO propoñen unha solución a esta situación, que pasaría pola adopción das seguintes medidas:

1º. A realización dun só mercado semanal.
A unificación nun só día á semana das feiras de alimentación e téxtil -actualmente na denominada Variante- serviría para reforzar a idea de mercado, dando lugar a unha maior afluencia de visitantes e potenciais compradores.

2º. O cambio da actual ubicación.
O lugar idóneo é a Travesía da Mariña, xa que o corte de tráfico non traería grandes problemas ao ser dirección única.
Colocaríanse os postos ambulantes a ambos os dous lados da estrada, evitando a entrada de camións de gran tonelaxe á Praza Maior. Ademais, se nalgún momento o espazo se considerase insuficiente, podería solicitarse o permiso de Costas para utilizar o xardín no caso de postos pequenos que non utilicen vehículos pesados.

3º. A dignificación e potenciación do sector primario local.
Distinguen dous grupos: produtores profesionais e produtores “de economía complementaria”, e propoñen ofertarlle aos primeiros privilexios de posicionamento no mercado e a ambos os dous grupos -se fose preciso- a colocación de postos cubertos para rematar coa venda desde o chan por motivos de salubridade e dignidade.

4º. A xestión eficiente e a transparencia.
Entenden en SON VIVEIRO que é preciso elaborar listaxes de consulta pública nas que figuren, entre outros datos, as taxas correspondentes pola ocupación do solo en función da superficie utilizada, o tipo de lugar de venda -camión, remolque, posto móbil, etc.- e as datas de validez, así como a xestión das horas de montaxe e desmontaxe dos postos, da limpeza da vía pública, da orde, etc., e que todos estes datos, así como a identificación correspondente, deben estar visibles nos lugares de venda.

Exit mobile version