Site icon Crónica3.com A Mariña

Terras de Miranda prepara a estratexia de desenvolvemento do territorio para o LEADER 2014-2020

A Asociación Terras de Miranda constitúese no ano 2001 co obxectivo de ser núcleo de integración e representación dos diferentes axentes territoriais, sociais e institucións, tanto públicos como privados interesados en promover o desenvolvemento da zona. O seu ámbito de actuación abarca os seguintes municipios: Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove.

Esta Asociación con sede en Mondoñedo, xestionou durante os anos 2002-2008 a Iniciativa Comunitaria Leader +. Con esta Iniciativa buscouse asegurar a viabilidade da economía rural, tanto a través da valorización das producións tradicionais como por medio da ampliación dos servizos e actividades. Apostouse por sectores como a horta, a produción forestal e a súa transformación, os espazos de valor ambiental, o turismo; mediante a conservación e promoción do patrimonio cultural e natural e o dinamismo da poboación. A parte de varios proxectos de cooperación interterritoriais e transnacionais.

Neste momento está a preparar a estratexia de desenvolvemento territorial para presentarse á nova convocatoria de AGADER para o Leader 2014-2020. A Asociación leva case tres meses traballando para adaptar a mesma aos novos requisitos que esixe Agader para a selección de Grupos de Desenvolvemento Rural, cambios nos estatutos, na composición da Xunta Directiva, nas características dos asociados, etc” Poden solicitar a incorporación á mesma as entidades sen ánimo de lucro, as comunidades e mancomunidades de montes veciñais, as asociacións e organizacións profesionais e as organizacións profesionais agrarias.

Nas próximas semanas van realizar unha serie de entrevistas a diversos axentes sociais do territorio así como a realización de mesas sectoriais para que os mesmos trasladen a problemática e o potencial de cada sector co fin de elaborar a estratexia de desenvolvemento, integral e innovadora, na que se baseará e guiará as actuacións do seguinte programa Leader.

As reunións das mesas sectoriais terán lugar no Centro Comarcal do Concello de Mondoñedo, co seguinte calendario:
Mesa do benestar social.- Mércores 1 de xuño ás 20:00 horas, mesa Empresarial e do emprego.- Xoves 2 de xuño ás 20:00 horas, mesa Institucional.- Luns 6 de xuño ás 20:00 horas,mesa do sector agro-forestal.- Mércores 8 de xuño ás 20:00 horas, mesa de dinamización socio-comunitaria.- Xoves 9 de xuño ás 19:00 horas e mesa de turismo e hostalería.- Xoves 9 de xuño ás 20:00 horas.

A participación nestas mesas é aberta a todos os sectores públicos e privados do territorio, así como a todos os colectivos que desexen participar.

Exit mobile version