Site icon Crónica3.com A Mariña

Tres praias, o barco museo, Gaia e a ruta do litoral burelés reciben a bandeira azul de Adeac

Foto playa Burela (1)Burela, 5 de maio de 2016.- Satisfacción do alcalde, Alfredo Llano, polas bandeiras azuis que lucirán neste 2016 as praias de O Portelo, A Marosa e Ril, o barco museo Reina del Carmen, o centro de educación medioambiental Gaia e o sendeiro azul ruta do litoral burelés.

O rexedor sinalou que “como reflexo da forma de traballar que temos e da nosa preocupación polo medio ambiente, as bandeiras que solicitamos fóronnos concedidas. Aparecen as que víñamos tendo todos os anos, O Portelo e A Marosa, ademais de Ril, que se suprimira por unha contaminación que había nesa praia, que nosoutros resolvemos inmediatamente de tal xeito que este ano están as augas limpas e ben preparadas como para merecer unha bandeira azul”.

Llano manifestou que “aparte está a bandeira azul para Gaia, que significa que este noso departamento específico de medio ambiente está funcionando ben. E tamén nos deron a do barco museo, o que implica que o barco está consolidando unha forma de interpretar o medio ambiente. Aparte que alí temos un museo sobre como se fai a pesca no noso porto, que é artesanal e sostible medioambientalmente. Pero tamén temos outra bandeira azul, correspondente a unha ruta a carón do mar, á que tamén lle damos importancia”.

O alcalde burelés dixo: “estamos moi contentos porque isto reflexa que se está traballando ben, en positivo, e que realmente se agradece este traballo. Como consecuencia de todo isto eu creo que se debe continuar en responsabilidade”. E subliñou que “nosoutros temos solicitado á Xunta 10 socorristas, porque consideramos que son os mínimos que debemos ter para manter as bandeiras azuis nos areais que a recibiron. Por tanto esperemos que non haxa problemas para poder contratar a estes dez socorristas, que son os precisos, os necesarios e os xustos para ofrecer ben os servizos que reflexa unha bandeira azul”.

Exit mobile version