Site icon Crónica3.com A Mariña

Turismo de Galicia presenta a nova normativa de vivendas de uso turístico ao sector hostaleiro da Mariña Lucense

Burela (Lugo), 2 de maio de 2016.- Turismo de Galicia presentou este luns, en Burela, o novo decreto que a Xunta de Galicia elaborou en materia de apartamentos turísticos, vivendas turísticas e vivendas de uso turístico. Este decreto, que o Goberno galego prevé aprobar despois do verán, é pioneiro en Galicia posto que regulará por primeira vez na Comunidade as vivendas de uso turístico.

A sesión informativa forma parte dun ciclo que se desenvolverá en distintos puntos de Galicia para dar a coñecer as novidades que se pretenden introducir. A desta tarde en Burela estivo dirixida polo director de Competitividade de Turismo de Galicia, José Luis Maestro, e a ela asistiron representantes do sector hostaleiro da mariña lucense, así como outras persoas e entidades interesadas.

A nova categoría de vivendas de uso turístico refírese ao alugueiro das mesmas por un período inferior a 30 días, mantendo a aplicación da Lei estatal de Arrendamentos Urbanos nos demais supostos. A principal medida que se introduce é a necesidade de inscribir a vivenda nun rexistro público, pero tamén se contemplan os requisitos e servizos mínimos dos que deberá dispoñer, o seu réxime de funcionamento e o exercicio da actividade.

A necesidade dunha nova normativa vén dada pola combinación de dous factores. Dunha banda, o alugueiro turístico converteuse nunha competencia autonómica despois da modificación da Lei estatal de Arrendamentos Urbanos.

Doutra banda, a irrupción das novas tecnoloxías no aluguer de vivendas vacacionais e a tendencia a destinar a este fin a vivenda habitual fan necesario adaptarse á nova realidade para ofrecer seguridade xurídica tanto aos particulares como ao sector ante un novo tipo de aloxamento turístico. A nova norma erradicará problemáticas vinculadas a estas prácticas no ámbito económico-social, fiscal e de tributos e en canto á garantía e seguridade das persoas usuarias, á calidade da oferta, ao intrusismo ou á competencia desleal.

Actualmente, en España só hai cinco autonomías que teñen en vigor unha normativa deste tipo: Cataluña, Madrid, Aragón, Canarias e Andalucía. Galicia xa someteu a súa proposta a información pública e incorporou as alegacións e suxestións oportunas, estando actualmente na fase final, na que se está dando a coñecer ao sector antes de proceder á súa aprobación.

Exit mobile version