O valor do esforzo, a reivindicación da beleza, a honradez e ata o mismísimo divertimento funos aprendendo naquelas aulas nas que deixamos o eco das nosas voces e de tantos e tantos recordos imborrables. Eu cheguei a eses sitios sen saber o que ía ser na vida, e si hoxe son o que son é porque me crucei con profesores que me axudaron a entender que o meu mundo non empezaba na Aldea e acababa na Xesta. Aprendín que si te esforzas e perseveras nos teus soños podes vivir onde queiras e emprender calquera camiño no que realmente creas.
Tiven a sorte de coincidir con compañeiros e compañeiras que tamén se comprometeron con todo o que se nos ía ensinando. Moitos deles ocupan ou ocuparon postos de responsabilidade en moitos ámbitos da nosa sociedade, pero alí aprendín que o triunfo e o fracaso son mendaces e maniqueos, e que o único que vale é o intento permanente por mellorar, por ser boa persoa e por saber cada día un pouco máis. Podería dar nomes, e sería ingrato si non citase a algunhas das profesoras que me cambiaron a vida. Son escritor de articuliños como este polas clases de Literatura , lingua ou polo latín que me ensinaron. A equipaxe que máis coido na miña vida é o dos valores que asimilei naquelas frias aulas. Tiven a sorte de aprender matemáticas ,pero naquelas clases de matemáticas tamén se falaba da ética e da impronta do saber e da liberdade que algunos ensinantes da “cascara amarga” viñan ensinando desde facía décadas. Tamén aprendemos que a única igualdade é a que nos ofrece a todos as mesmas posibilidades de educación e que a nosa cultura é o noso verdadeiro patrimonio.