Site icon Crónica3.com A Mariña

Villares presidiu en Madrid unha reunión da comisión de medio ambiente da FEMP, na que se acordou realizar actividades para concienciar sobre a necesidade de aumentar a reciclaxe de residuos sólidos urbanos

SONY DSCCervo, 3 de maio de 2016.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, presidiu este martes en Madrid unha reunión da comisión de Medio Ambiente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), na que se acordou a realización de actividades para concienciar á poboación sobre a necesidade de aumentar a reciclaxe de residuos sólidos urbanos.

O rexedor cervense explicou que “foi unha reunión coa que xa se empezou a desenvolver o traballo para estes catro anos de mandato, no que no referido ao medio ambiente hai que incidir en algo que é fundamental e que é competencia básica dos concellos, como a reciclaxe dos residuos sólidos urbanos. Aí é onde hai que incidir porque é un aspecto fundamental, a maiores doutro tipo de contaminantes como poden ser o ruído ou os atmosféricos, que se xeran sobre todo nas grandes cidades”.

Alfonso Villares engadiu que na reunión deste martes “o primeiro punto na orde do día era o informe de actividades do convenio con Ecoembes, que é o organismo encargado da recollida selectiva. E temos xa planeadas unha serie de actividades para o longo de todo este ano, fundamentalmente dirixidas cara á información ao cidadán, aos nosos veciños. Nesto é onde temos que incidir todas as entidades locais. Fixemos un instrumento para utilizar a través das páxinas web, que nos vai servir sobre todo para que os concellos poidamos usalo e que o poidan visualizar os noso veciños. Nel explícase dun xeito moi simple e claro a importancia que ten a reciclaxe de todo tipo de residuos sólidos urbanos. As porcentaxes que hai agora mesmo son moi baixas e temos que alcanzar en períodos moi curtos, ata o ano 2025, o 60 por cento de reciclaxe de todos os residuos sólidos urbanos, pero actualmente estamos bastante lonxe desa cifra. Nisto incidimos hoxe nesta reunión para reforzar as medidas de difusión cara aos nosos veciños da importancia que ten levar adiante este reciclaxe”.

Villares rematou destacando que “é importante porque todos estes aspectos medioambientais aféctannos á nosa saúde, das persoas que agora mesmo estamos neste planeta, pero sobre todo ás xeracións vindeiras. E eu creo que é no que temos que pensar á hora de levar adiante actos tan sinxelos e tan simples como botar as latas ou os vidros nos colectores de residuos oportunos e tamén intentar facer cos residuos orgánicos compost ou outro tipo de reciclaxe que sexa ambientalmente correcto. Nisto temos que incidir pensando non soamente en nós senón tamén nas xeracións futuras”.

Exit mobile version