“O descanso polos compromisos de España en Moscova veunos moi ben para baixar a adrenalina. Gañar en Navalcarnero foi un subidón e tivemos uns días para dixerilo e volver centrarnos na liga. Esta semana xa adestramos con normalidade” falaba así a porteira da éxtase vivida na xornada anterior ao empoleirarse á primeira praza da clasificación.
“No partido de Roldán non estivemos ben; iso debe servirnos para aprender e de aviso para non relaxarnos” incidía así Jozi sobre o empate 3-3 na primeira volta. “Roldán é un equipo peleón, con calidade; vén sen nada que perder e coa motivación de gañar ao líder” adiantaba a meta os detalles da cita.
Vista Alegre será máis importante que nunca nesta recta final. “Esperamos a afección como sempre; estivo durante toda a tempada e agora é o momento de gozar, de xogar bonito e xogar para todos eles. Oxalá poidamos brindarlles unha grande alegría ao final” concluía Jozi.
Con 1 punto por debaixo das mariñás, o Atlético de Madrid visita o Orvina, na penúltima praza, o sábado.
CD Burela FS Pescados Rubén: 1. Jozi, 3. Dany, 5. Claudia, 7. Peque, 9. Gaby, 11. Ceci, 13. Andrea C., 14. Bea Mateos, 15. Judith, 17. Maite, 31. Eva
Peque, campioa con España
A pichichi laranxa reincorporouse con moitas ganas aos adestramentos co grupo o mércores, co trofeo do VII Torneo Internacional do Día da Vitoria de Moscova. A 7 burelista, que anotou 2 dos tantos que lle deron o liderado en Navalcarnero (2-3), tamén deixou o seu sinal goleador coa Vermella, con dobrete ante Polonia (0-9) e 1 diana fronte a Rusia (6-5). “Volvo moi contenta polo trofeo, pero tamén cansa porque coa selección sempre estamos ao 200%, non paramos; agora só quedan 4 partidos” explicaba entre risas Peque, que xa estaba desexando volver coas compañeiras: “Tiña moitas ganas de estar outra vez co equipo; perdín o grande ambiente da semana pasada logo de conseguir a primeira praza. Esta semana xa foi máis tranquila, con toda a concentración posta en Roldán, logo da gran tensión con Ourense ou Navalcarnero”. A internacional sumouse ás palabras de Jozi cun aceno á afección: “Xa demostrou en Madrid que é a mellor do mundo, ninguén pode cuestionalo; sabemos que van estar aí para axudarnos ata o final”.