Site icon Crónica3.com A Mariña

Vitoria laranxa sen contemplacións sobre o Valdetires (7-2) co título a só 40 minutos

maite-valdetires16Burela, 28 de maio de 2016.- A Marea Laranxa viviu unha tarde de celebración. Viviu ao grande o último derbi irmandiño da tempada e despediu a liga na Mariña, na penúltima xornada, con vitoria sen contemplacións sobre o Valdetires Ferrol FSF (7-2), que chegaba a Burela coa esperanza de manterse en Primeira, aínda que non se puido facer realidade. A escuadra de Iván Cao, Lucas, gozou dun encontro tranquilo para os seus intereses sen deixar respirar ao rival no seu asedio e avantaxando xa ao descanso en 4-1.

A superioridade das laranxas atopou a súa recompensa no minuto 8 nas zapatillas de Claudia, empuxando soa no segundo pau tras recuperación de Peque. Tras a segunda grande ocasión laranxa, de Bea Mateos, rozando o ecuador, Maite subiu o 2-0 no minuto 12, desde o chan; poucos segundos despois, Gaby aproveitou en rexeite unha tentativa de Peque, que perforou a rede pola escuadra. Nada máis saltar á pista, a novísima Judith, no minuto 16, asinou o 4-0 en tres contra dous. O Valdetires tan só puido recortar distancias cun balón morto na área tras rexeite de Jozi, a falta de pouco máis dun minuto para o descanso.

Regresaron as laranxas en tromba na segunda parte, con Andrea baixo os paus locais. Aproveitaron a aposta por xogo de cinco con Andre das ferrolás; xa no 21, Dany anotou a porta baleira; pouco despois, no 22, un pase de Dany que tocou en Lidia transformouse no 6-1. Cun dominio asfixiante das mariñás resistiuse o luminoso nos seguintes minutos, con ocasións de ouro de Maite e Peque antes do ecuador. No minuto 32, Andre minguou a avalancha local aproveitando un erro das de Vista Alegre e anotou o 6-2 en galopada, ante Eva adiantada; pero segundos despois volveu o gol laranxa nun lanzamento de Judith desde a banda que meteu Belén en tentativa de despexe (7-2). A Bomboneira viviu unha festa apotetsica na recta final, sen deixar de xerar perigo na pista; a bancada despediu ao grande a tempada, con ovación para Peque e Maite no seu último partido na casa como burelistas.

Ceci non puido participar no encontro por unha escordadura de nocello sufrida durante o quentamento.

O soño laranxa cada vez está máis preto, a tan só un partido. Sábado 4, 18.00 horas, última xornada, en Logroño, ante o FSF Rioja.

Ficha técnica
CD Burela FS Pescados Rubén: Jozi, Dany, Gaby, Bea Mateos, Maite, cinco inicial; tamén xogaron Claudia, Peque, Silvia Rubal, Judith, Andrea, Eva

Valdetires Ferrol FSF: Nere, Lidia, Albita, Diana, Eri, cinco inicial; tamén xogaron Peli, Belén, Andre

Goles: 1-0, minuto 8, Claudia; 2-0, minuto 12, Maite; 3-0, minuto 12, Gaby; 4-0, minuto 16, Judith; 4-1, minuto 18, Peli; 5-1, minuto 21, Dany; 6-1, minuto 22, Lidia (p.p.), 6-2, minuto 32, Andre; 7-2, minuto 33, Belén (p.p.)

Árbitros: Carlos Suárez Branco // David Castro Bermúdez (Lugo). Por Valdetires amarela a Diana (minuto 16)

Incidencias: Partido correspondente á 29ª xornada da Primeira División RFEF disputado no pavillón Vista Alegre de Burela. Arredor de 800 espectadores

Exit mobile version