Site icon Crónica3.com A Mariña

Ouro en esgrima para Cristóbal Rodríguez no campionato galego individual e por equipos

rodriguez-abancaO pentatleta internacional viveirense Cristóbal Rodríguez pasaba esta fin de semana pola súa cidade materna como un ciclón, ao facerse con dúas medallas de ouro no Campionato Galego Elite Absoluto, Individual e de Equipos.

O mariñán chegaba o sábado ben cedo procedente do Centro de Tecnificación Deportiva da Xunta en Pontevedra á cidade amurallada para competir no campionato autonómico celebrado en Lugo e organizado polo Club Lugo Esgrima coa colaboración do Concello e da Xunta.

A competición autonómica comezaba ás nove da mañá coa poule que Rodríguez solucionaba pasando ás fases directas na parte alta da táboa, logrando así plantarse no tablón de oito que tamén soloucionaba para pasar a semifinais onde lle agardaba un combate durisimo con Manuel Villadóniga, Mestre de Esgrima responsable da preparación de Rodríguez cando está en Galicia. Este combate co seu mestre tivo que solucionarse no chamado minuto de ouro cando ambos os tiradores estaban en pista empatados a 14 tocados. O combate remataba cunha frecha do mariñán que poñía o 15/14 ao seu favor. Xa na final tivo que loitar con outro compañeiro de equipo, Iago García, ao que no terceiro parcial puido vencer por un 15/12. O podio era para Cristóbal Rodríguez-ouro-, Iago García -prata- e dúas medallas de bronce para Manuel Villadóniga. Os tres tiradores de ABanca Centolos e o outro Bronce para Pablo Casal do Esgrima Cidade de Vigo.

Na tarde do sábado tivo lugar a fase autonómica de Equipos e o Director Técnico de ABanca Centolos da Coruña poñía no equipo titular a Rodríguez a pesar do cansazo, incorporando tamén a Xaquín Dalmao xunto a Manel e Iago. O equipo consiguía pasaras eliminatorias enfrontándose en semifinais co Club Esgrima Coruña ao que conseguiron vencer para atoparse na final co potentísimo tres Armas de Ferrol capitaneado por Emilio Rilo que tamén foi instrutor de Rodríguez na súa etapa inicial.

Despois duns duros combates o equipo da ABanca impoñíase ao Tres Armas Ferrolán por un tanteo de 45/35 obtendo o ouro- A prata era así para o Tres Armas Ferrolán e o bronce para o Esgrima Coruña.

Á entrega de premios asistiron autoridades do Concello de Lugo e da Federación Galega de Esgrima así coma o Presidente do Club anfitrión Lugo Esgrima, Pedro Sánchez.

Rodríguez, que nos seus primeiros pasos como cadete militara no club anfitrión, garda un grato recordo e amigos na entidade que, incluso, celebraban o seu triunfo como propio.

Actualmente Cristóbal Rodríguez milita no Club ABanca Centolos da Coruña de Primeira División Nacional de Ouro, transferido por acordo da primeira división de ouro do Sala de Armas Monjuit onde o tirador mariñán ten no seu poder unha Copa do Rei de Esgrima, unha prata e un bronce, circunstancia nunca conseguida por ningún tirador galego na historia da esgrima.

Exit mobile version